Outras informacións e conflitos xerais

O venres 26 de outubro os sindicatos asistimos a unha xuntanza co director xeral de Función Pública para tratar as cuestións que foran sen negociación á Mesa Xeral da semana anterior, coa chantaxe dos orzamentos do 2019. Finalmente tratamos varios asuntos importantes que afectan ao persoal ao servizo da Administración Autonómica.

De novo a Xunta de Galiza aplica estratexias para non negociar creando unha mesa batiburrillo. Eran tres temas de calado: a proposta para de acordo de mellora do emprego público, a carreira profesional e o decreto de mobilidade. Pero como lles eran poucos asuntos, ademais meten a modificación ao decreto de listas, unha listaxe de categorías do V convenio a funcionarizar .. Así que un montón de horas para pouca cousa en limpo.

Como non pode ser doutro xeito, reclamamos que se teñan en conta as achegas presentadas pola CIG e convoquen mesas de traballo centradas en cada asunto para poder tratalos a fondo. Tivemos que lembrarlle que a CIG non pactou o Acordo de Madrid, e polo tanto temos dereito a negociación da que se queren escaquear, as 35 horas semanais, a unha suba salarial que recupere o poder adquisitivo perdido dos empregados e empregadas publicas cunha suba en condicións ..

CARREIRA PROFESIONAL

O goberno mantén o modelo SERGAS, a aplicar só ao persoal funcionario e ou persoal laboral que se funcionarice. A CIG insiste en que ten que aplicarse a todo o persoal, funcionario ou laboral, fixo ou temporal, a cobrar nuns prazos máis áxiles, recoñecendo toda a antigüidade, e sen tanta diferenza entre grupos (actualmente é máis do triple entre A1 e subalterno). O DXFP acepta negociar os prazos e buscar unha solución para o persoal laboral, pero non modificarán os importes.

LEI DE ACOMPAÑAMENTO E LEI DE ORZAMENTOS DO 2019

Aceptan revisar a redacción para que o importe a cobrar como 100% en IT non quede fixada durante toda a baixa á cantidade do primeiro mes, incorporando así as posibeis subas retributivas que se produzan. Están a estudar que os permisos computen a partir do primeiro día hábil e permitir a xornada continua con fillos menores de 12 anos. Manteñen o resto, o que inclúe (entre outros): os concursos específicos serán convocados por cada consellería; o permiso por parto, adopción ou acollemento, pasa a 22 semanas; segunda actividade para axentes forestais e medioambientais (deixa no limbo a bombeiros forestais e gardacostas).. Nada das 35 horas semanais. Din que en xullo cumprian a regra de gasto, pero en outubro xa non está claro; esto podería afectar ás nosas retribucións. Non queren falar de bolsa de horas positivas. Non anulan a taxa de reposición. Descargar.

DECRETO DE MOBILIDADE (ou decreto de provisión)

O único que aceptan é estudar a proposta da CIG de darlle unha protección especial ás persoas con obrigatoriedade a concursar por amortización do posto. Non aceptan a nosa petición de publicar as puntuacións desagregadas e fixar prazos para a resolución dos concursos ordinarios. Rexeitamos o concurso específico e as libres designación para postos iguais e inferiores a xefatura de servizo. No concurso específico non resposta á petición que lle facemos de que a baremación da primeira fase sexa superior á da segunda, a presenza sindical na comisión de valoración como en concurso ordinario, que sexa Función Pública e non as consellerías quenes leven cada proceso, e que as valoracións deben ser públicas. Para as comisións de servizos tampouco dan resposta a fixar baremo, regular a rotación entre solicitantes, incluír tempo mínimo de permanencia entre comisións, prohibir comisións cruzadas e facer pública a relación de solicitantes, puntuación e persoa adxudicataria con motivación. Tampouco respostan á proposta de permitir permutas entre persoal interino. .. Descargar.

OUTRAS

- Preguntamos polos concursos de traslados. Esta vez o DXFP xa non se desculpa nas RPTs nin áreas funcionais e limítase a dicir que van remitir o concurso de gardacostas adaptado ao xa negociado de criterios xerais no que engadirían unha disposición transitoria para que ata o ano 2020 non caduque a formación (non temos o texto). Ante a pregunta incómoda, cambia de tema rápidamente. 

- Non teñen previsto a derrogación completa da lei 1/2012 (lei de medidas temporais) nin abordar un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido.

- Presentan proposta de modificación do decreto de listas. Básicamente recortan o prazo para presentar solicitudes e inclúen o tempo traballado do persoal de SEAGA para listas de incendios.

- Entréganos un cadro co encadre das distintas categorías de persoal laboral a funcionarizar na correspondente escala de persoal funcionario, así como a extinguir e conservar como persoal laboral.

- CCOO propón áreas funcionais en todos os postos. A CIG está no extremo contrario: que se eliminen todas, e que sexa a empresa a que forme ao persoal.