Agora mesmo o que temos é un edificio administrativo “plural”. Os traballadores estamos espallados en máis de 20 centros administrativos por toda a cidade. Todos con moitas deficiencias e carencias: locais sen luz natural, problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radon... Edificios que ademais incumpren a lei de accesibilidade universal. Ao que hai que sumarlle a ausencia de servizos como escola infantil onde os traballadores poidan levar os seus fillos, aula de formación en condicións, etc.

A Xunta “regala” os cartos en alugueiros de locais, reforma despachos dos xefes ou fai novos edificios no Gaiás. Cómpre un centro de atención aos cidadáns no que poidan presentar solicitudes, escritos e comunicacións, informarse acerca dos servizos ofertados ou recibir asistencia no uso de medios electrónicos os interesados que así o soliciten (tal como obriga a Lei 39/2015).

O 6 de novembro de 2018, xa pensando nas próximas eleccións locais, Feijoo comunícalle ao alcalde do PP en Ourense o obxectivo de acometer un “edificio singular” para albergar todos os servizos administrativos que presta a Xunta en Ourense: ”E para iso, os orzamentos do próximo ano xa recollen unha partida inicial que permita avanzar na súa tramitación...”

Onde teñen previsto facer este edificio? Seica está o alcalde buscando alternativas...

Será este outro proxecto condenado ao fracaso como o de Manuel Fraga? Ou máis fume electoral como o parque acuático?

Desde a CIG reclamamos á Xunta de Feijoo un proxecto de edificio real, operativo e funcional que remate co agravio comparativo respecto as outras provincias.