A Xunta de Galiza este ano súmase a reivindicación do 25 de novembro como xornada internacional contra a violencia de xénero, cunha campaña un pouco mais axustada a realidade ca do ano pasado, coa que di de xeito claro NON a violencia, Pero na que tamén cómpre facer unha reflexión.

As responsables da campaña aínda non se enteraron que para erradicar a violencia contra as mulleres hai que ir a súa orixe, ao machismo, ao sistema social patriarcal e atacar as desigualdades.

Así a declaración institucional da Xunta de Galicia fala da necesidade dun consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.

Continua presentando a campaña na que hai que dicirlle NON a todas a formas de violencia de xénero e especifica cales son, as recollidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, sinaladas no seu artigo 3: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual e abusos sexuais, acoso sexual, e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual...

Di que toda a sociedade ten que involucrarse no rexeitamento aos maltratadores e previr a violencia. Este é o momento crucial para impulsar definitivamente a construción dunha sociedade libre de violencia sobre as mulleres.

Para a Xunta queda claro que a violencia unicamente é a que queda restrinxida aos maltratadores e as vítimas e non propón ningunha medida concreta que deba impulsar na Galiza para evitar esta “lacra”. E, así de novo, a responsabilidade recae nas vítimas, as que lle di que “deben denunciar”.

Neste sentido reforza hoxe a idea o presidente Alberto Núñez Feijoo cando sinala que “Máis do 80% das mulleres que perderon a vida nos últimos anos non se atreveron a denunciar”. Incluso atrévese a afirmar que as mulleres “perderon a vida” e non que foron asasinadas.

Un consello, Señor Feijoo, para dicir iso mellor que non saíra hoxe de andaina reivindicativa.

Dende a CIG Autonómica reivindicamos a igualdade de xénero como peza fundamental para rematar coa violencia, e estamos a proporlle de seguido a Xunta de Galiza medidas neste sentido, das que simplemente pasan ou incumpren, fuxindo do consenso social que predicaba ao comezo da súa declaración institucional, así:

As traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza lembramos que:

  • A Xunta de Galiza di NON ao PLAN DE IGUALDADE da Xunta de Galiza.
  • A Xunta de Galiza di NON a flexibilización da xornada laboral e outras medidas de conciliación.
  • A Xunta de Galiza di NON a recoñecer que as mulleres son as que sofren máis accidentes laborais.
  • A Xunta de Galiza di NON a un Protocolo de acoso laboral e sexual áxil e eficaz e que sirva como unha verdadeira ferramenta preventiva.
  • A Xunta de Galiza di NON a ampliar os dereitos de maternidade e paternidade intransferibles ata 12 meses de idade do bebé.

Definitivamente, a Xunta de Galiza DI NON á IGUALDADE.

Visita a campaña da CIG: 25 de Novembro. Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa.