O persoal laboral da Xunta de Galiza manifestouse este venres polas rúas de Compostela, desde as dependencias da Xunta de Galiza en San Lázaro até as de San Caetano, para denunciar a discriminación retributiva que sofren, a parálise dos concursos de traslados, das ofertas de emprego público e dos procesos de estabilización e consolidación laboral.

Con esta mobilización, convocada polo comité intercentros, o persoal denuncia a falta de concreción, por parte da Dirección Xeral de Función Pública, na resolución dos procesos de provisión e selección, a negativa a levantar a suspensión de dereitos ou a diferenza de trato para chegar a un acordo de incremento retributivo. Isto, entenden que “supón unha grave discriminación do persoal laboral”.

Xunto a isto denuncian a paralización do concurso de traslados e dos distintos procesos selectivos e acordos asinados: procesos de establización, consolidación e ofertas públicas de emprego e cualifican de “excluínte” a carreira profesional. Ademais tildan de “incertos” os procesos de funcionarización coa imposición de escalas e sen negociación do decreto de funcionarización.

Demandan ademais a recuperación dos dereitos perdidos por todas e todos os empregados públicos –salario, FAS, 100% das retribucións por IT-. Recortes que afectaron especialmente ao persoal laboral da Xunta de Galiza a través da Lei 1/2012, no relativo a descansos semanais e compensacións de domingos e festivos, dereito a comedor e outras cuestións.

A todas estas cuestións engaden a demanda dos sistemas de mobilidade, a concesión de adscricións temporais entre categorías, a negociación da segunda actividade en categorías sometidas a un elevado risco nas súas funcións e unha solución á problemática dos/as non aptos/as con restricións de permutas entre traballadores/as temporais.

A OEP de Feijóo “un insulto”

Xunto a todo isto, a CIG-Administración Autonómica denunciou ademais que a Oferta de Emprego Público anunciada nestes días polo Presidente da Xunta, sen previa negociación coas organizacións sindicais, “é un insulto, xa que non hai ningunha praza para o persoal laboral, nin por acceso libre, nin sequera para promoción interna”.

Lembra que preto de 9.000 empregados/as públicos da Xunta son persoal laboral, cun convenio –o V Convenio Colectivo para o persoal da Xunta de Galiza- “obsoleto e amputado pola Lei de medidas 1/2012, que deixou no aire artigos como o 19, no que se regulan os descansos compensatorios de fin de semana e festivos, o descanso mínimo semanal de 48 horas ou a rotación dos fins de semana de traballo”.