Demandamos a modificación da reforma feita no ano 2011 que eliminou o dereito á xubilación parcial aos 61 anos e o adiamento da xubilación até os 67 anos. Temos que lembrar que a nosa central sindical foi a única que mostrou o seu rexeitamento a esa reforma das pensións pactada con CCOO e UGT, e fomos a folga xeral en contra.

Xunto a isto, incluímos a demanda de que a lexislación neste ano 2019 desenvolva a normativa sobre a xubilación parcial e da xubilación anticipada para determinados colectivos que desenvolven o seu labor en condicións de penosidade, perigosidade ou especial presión psicolóxica, como xa prevía o Estatuto Básico do Empregado Público no ano 2007.

Dereito do persoal empregado público

O fundamental é o recoñecemento do dereito á xubilación parcial como un dereito subxectivo con independencia da relación xurídica do persoal, ampliándose o recoñecemento tamén ao persoal funcionario. Por iso reclamámoslle ao Presidente do Consello Xeral da Seguridade Social en Madrid que promova o cambio lexislativo necesario.

No marco desta campaña, a CIG tamén presentou  escritos á Ministra de Traballo e levou a proposta á Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as de Galiza e de Madrid e ao Director Xeral de Función Pública.

A CIG é a primeira organización que defende ao persoal funcionario da Galiza nos seus dereitos obviados por outros promovendo a aprobación desta reclamación nas Xuntas de Persoal e Comités de Empresa da Xunta.

Así chamamos aos empregados públicos e a cidadanía a mobilizarnos en defensa do sistema público de pensións, cunha manifestación o vindeiro sábado día 26 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela.