As liñas fundamentais serían o carácter universal, incluíndo a todas as persoas empregadas públicas no sistema extraordinario, e a redución dos períodos para cobrar o 100% en dous anos nos graos I e II como no SERGAS.

Para isto a CIG presentou un escrito este xoves día 24 solicitando que se convoque a Mesa Xeral de Negociación, xa que o acordo foi votado na Comisión de Persoal e posteriormente foron alterados os contidos ás agachadas, tendo como resultado que o que se asinou non é o que se votou, e que isto privou á CIG do dereito de negociación.

De aí que solicitemos que se devolva o texto a esa Mesa co fin de mellorar o acordo, para o que propoñemos que teñan en conta os seguintes puntos:

  1. Rematar coa discrimación das persoas dos grupos A1 e A2 de funcionarios/as e I e II de persoal laboral cambiando a periodización do sistema extraordinario de carreira profesional. Non é comprensible que haxa que agardar 3 anos para cobrar as cantidades íntegras do grao I e 4 máis para o grao II. A nosa proposta é de 2 anos para cada grao igual que no SERGAS.
  2. Acotar o período para cobrar integramente o grao II dos grupos B, C1, C2 e AP de funcionarios e III, IV e V de persoal laboral a 2 anos, en vez dos 3 que actualmente son, tamén tomando como referencia a carreira profesional do SERGAS.
  3. Aumentar as contías de xeito que non se incremente a brecha salarial entre grupos
  4. Incluir ao persoal interino, temporal, indefinido e ás escalas excluídas da Lei 17 no sistema excepcional e transitorio para os graos I e II, sen que teñan que esperar ata o sexto ano para cobrar, sempre e cando teñan prestados servizos de igual xeito que o persoal funcionario de carreira e laboral fixo.
  5. Non condicionar ao persoal laboral fixo a acollerse á carreira profesional só no caso de funcionarizarse.
  6. Integrar ao persoal laboral de categorías que non son funcionarizables no sistema de carreira profesional, tanto no sistema ordinario como no extraordinario.

Baixo estas premisas a CIG está disposta a renegociar o sistema de carreira profesional, sempre e cando se segregue este acordo do de concertación social e sempre que se corrixan as discriminacións establecidas no acordo actual.