Función Pública enleou o tema, e houbo numerosas notas informativas dos asinantes que deixaban entrever que non se devolvía o diñeiro se finalmente non se producía a funcionarización. 

Dende a CIG viñamos advertindo a todo o persoal que da literalidade do Acordo se podía desprender que habería que devolver os cartos no caso de non funcionarizarse. É máis fixemos a pregunta nunha mesa xeral e o director xeral dixo que no decreto de funcionarización se aclararía ese asunto. Pois ben, no dito decreto non se aclarou nada e ten que ser nunha Orde de confección de nóminas onde quede aclarado este tema.

E por fin se clarexa o embrollo: o persoal laboral fixo que asine a carreira profesional e se comprometa a funcionarizarse, se despois non se presenta ou suspende, ten que devolver a pasta cobrada.

Así o di na orde de confección de nóminas que sae no DOG do luns 15 de abril:

Terceira. Reintegro de retribucións
Segundo o previsto no Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o 28 de marzo de 2019, a non presentación da solicitude de participación no correspondente proceso de funcionarización que se convoque ou a non presentación, agás imposibilidade acreditada de non presentarse ao dito proceso, ou a non superación do correspondente proceso de funcionarización implicará o decaemento do encadramento no grao I con todos os seus efectos, polo tanto, dará lugar á dedución dos importes percibidos.