Xa non é só a emigración dende o agro de labregos e labregas ás grandes vilas e cidades para transformarse en operarias especializadas nas industrias, senón o desleixo absoluto de gobernos nefastos que non souberon ou non quixeron ver o desastre ao que nos acercabamos a ritmo frenético.

Algo ou pouco do que se podería valer a xente para conquerir unha axuda familiar diante dun proceso de enfermidade grave, é a posibilidade de solicitar unha valoración do grau de discapacidade, co recoñecemento dese grau correspondería determinada axuda, e para poder levar ao día estes procedementos, o sistema de citas debería de ser escrupuloso priorizando as enfermidades máis graves e estabelecendo a base de bos criterios un sistema xusto e áxil desta axuda á dependencia.

Mais comezaron as privatizacións e decidiron adxudicar o sistema de cita telefónica ao 012 cun resultado caótico. A xestión dos expedientes adxudicáronllelos nun primeiro momento a Indra, outra empresa amiga; un fiasco pagado dos nosos petos, porque non souberon xestionar ese volume de expedientes, o que derivou nunha catastrófica saturación por cúmulo de erros que tiveron que solventar as compañeiras e compañeiros de servizos sociais (como non, empregadas e empregados públicos).


A DIGNIDADE DO COIDADOR QUE COIDA

Mentres Feijó siga a desfollar a margarida do que vai facer coa súa vida, as vidas de milleiros de galegas e galegos fican no limbo agardando a que deixe de chorar polas esquinas e se poñan mans á obra na procura de solucións, e impulsando medidas que axuden a paliar o défice de servizos sociais en toda a súa amplitude. Xa está ben de percorrer lugares dándose golpes de peito e presumindo de que o Partido Popular está moi afincado no rural e mover ese discurso segundo conveña tal ou cal proceso eleitoral cando a realidade dese rural clama por unha revisión/actualización dos servizos sociais encamiñados a paliar a soidade da xente anciá ou enferma, a falla de dignificación dos nosos maiores en vilas, cidades ou no rural, a tremenda desertización no público de AXUDA (así, con maiúsculas) pra non morrer coma cascudas ao pairo con políticas que se poñen de perfil exípcio.

Se cadra é o momento da patada na mesa e dicir ”até aquí chegamos”. Quen máis ou quen menos temos un amigo ou familiar pendente do informe de valoración da discapacidade que vincula co da dependencia para poder ter unha axuda miserenta dunha hora diaria para atender á súa nai con alzhaimer, e iso se cha dan, e todo este percorrido dura máis dun ano de atrancos, estrés, perda económica e como non, tamén da saúde do coidador ou coidadora que coida do dependente.