O acordo polo que se rexe este persoal para a realización do traballo na época de máximo risco de incendios entrou en vigor en 2008 e aínda que está prorrogado tacitamente, non se actualizou desde a súa sinatura, o que provoca un desfase considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual.

Esíxese que se consideren como horas de traballo efectivo as 500 horas nocturnas anuais que fan os técnicos forestais por riba da carga horaria doutros funcionarios, como marca o dereito comunitario, así como o cumprimento da normativa laboral en relación a horas traballadas e descansos semanais dos xefes dos distritos.

Demándase unha reorganización das condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao SPDCIF cun aumento substancial dos efectivos do persoal técnico funcionario que permita atender as múltiples tarefas que esixe a normativa sectorial forestal, cun número de días de descanso e de vacacións adecuado e cunha mellora das retribucións. Demándase tamén unha oferta de emprego público de todas as vacantes, así
como a segunda actividade e coeficientes redutores. 

Despois dun ano, a dilación da apertura oficial da mesa de negociación amosa unha absoluta falta de respecto ao servizo público que exercen os técnicos forestais vinculados ao SPIF e aos propios traballadores.

Por iso convocamos un acto reivindicativo o vindeiro 16 de maio de 2019 ás 10:30 na Xunta de Galiza, en San Caetano (Santiago de Compostela).