O director xeral da Función Pública segue a columpiarse dicindo na última Comisión de Persoal (12/06/2019) que vai alongar todas as comisións de servizo ata que convoque os concursos. Pois a CIG oponse totalmente. Esta maneira chanchulleira e mafiosa de ter á xente anos e anos en comisión contravén o que dí a lei.

Así presentamos un recurso administrativo (que acabará nun contencioso) no que denunciamos unha por unha as 414 comisións de servizo que a día de hoxe superan os dous anos de duración.

Temos detectado os seguintes números de comisións irregulares:

  • Servizos centrais: 171
  • A Coruña: 72
  • Lugo: 62
  • Ourense: 36
  • Pontevedra: 73

E xa non só iso, tan pronto se aprobe o Decreto de provisión de postos imos tamén a impugnalo, pois segue a manter o sistema de concesións das comisións dunha maneira oscurantista, sen procedemento claro nin obxectivo e mantendo moitas casuísticas nas que se poden superar os dous anos.

A CIG defende que sempre que unha praza teña reserva de posto as comisións sexan rotatorias e non na mesma persoa; este é o núcleo do enchufismo desta Administración. A mellor solución: concursos de traslados anuais, en todas as categorías e escalas, como paso intermedio ao concurso permanente.