Ao remate de acto, que tivo lugar coincidindo co Consello da Xunta, os representantes sindicais intentaron sen éxito entregarlle unha carta ao presidente galego na que expresan o seu malestar polas declaracións ofensivas verquidas nos medios de comunicación con respecto ás baixas de persoal, control horario e as queixas pola tardanza en cobrar as nóminas. Diante da negativa de Feijóo a recibilos, optaron por presentala no Rexistro Xeral

Dende a xunta de persoal e o comité de empresa valoraron moi positivamente a participación “activa e masiva” das traballadoras e traballadores de Servizos Centrais, “o que demostra a indignación que provocou no colectivo as desafortunadas intervencións aparecidas nos distintos medios de comunicación realizadas polo presidente da Xunta nos últimos meses”.

Con todo, salientaron que o único aspecto negativo da concentración tivo lugar no momento de intentar entregarlle a carta de protesta lida ao remate da protesta, “xa que a pesar da insistencia das presidentas dos órganos de representación dos/as traballadores/as, non foron recibidas por el, non quedando mais remedio que presentala no Rexistro Xeral”.

Permanecerán á expectativa

Finalmente, agradecéronlle o seu apoio a todas as persoas que asistiron ao acto reivindicativo e lembraron que “velaremos pola dignificación dos empregados/as públicos/as”. Neste senso, advertíronlle a Núñez Feijóo que permanecerán á expectativa porque de continuar coa campaña de desprestixio “seguiremos mobilizándonos”.

Le a carta dirixida ao Presidente da Xunta