Esta situación estase a dar aínda despois das reiteradas denuncias que temos formulado desde a CIG ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social, que se remontan a outubro de 2009, momento no que nin tan sequera estaban feitas as Avaliacións de Riscos (catorce anos despois de publicada a Lei de Prevención de Riscos !!!). Naquel momento, e só pola denuncia da CIG, unha actuación rápida, efectiva e contundente da Inspección de Traballo obrigou á Xunta a facer as avaliacións de riscos e establecer o Plan de Prevención.

A Consellería cumpriu a esixencia da Inspección pero nunca lle fixo entrega ao persoal de incendios, nin sequera aos seus representantes, do contido das avaliacións nin das medidas de prevención. Ou sexa, exactamente igual que se non se tiveran feito.

Desde entón, este Sindicato ten denunciado en repetidas ocasións este novo, e se cabe máis grave, incumprimento. A Inspección chegou a darlle un prazo de dous meses para que as avaliacións fosen entregadas a todo o persoal e expostas en cada un dos centros de traballo, prazo concedido en xullo de 2010, xusto hai un ano, sen que Medio Rural se dignara a cumprir dito requirimento.

Así as cousas, o persoal segue sen ter coñecemento e información de todos os riscos aos que está exposto (posíbeis contaminantes, primeiros auxilios, protocolos de actuación, embarazo e lactación, equipos de protección etcétera) cando unha nova campaña está a piques de comezar.

A Xunta incumpre a lexislación, desprotexe aos seus traballadores e traballadoras (chegando mesmo a poñelos en situación de risco para a súa integridade) e conculca os seus dereitos. E a Inspección de Traballo amosa a súa faciana máis inoperante e ineficaz permitindo que unha Administración Pública se mofe desa maneira dos seus requirimentos.

Facemos á Consellería de Medio Rural responsábel de manter a centos de persoas expostas a riscos laborais graves que poden poñer en perigo a súa vida e a súa saúde, ao tempo que denunciamos a pasividade inexplicábel da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense, pasividade que resulta maior canto maior é a envergadura da empresa da que se trate e máis grande é o poder que ten.