Un exemplo da responsabilidade colectiva na loita contra os incendios forestais tivémolo o domingo pasado no gran incendio forestal da Ribeira de Piquín, declarado de nivel 1 (por afectar a bens e persoas alleos ao dispositivo de incendios): os primeiros compañeiros que se tiveron que enfrontar a este lume víronse tan impotentes ante a virulencia das lapas que chegaron a queimarse, as veciñas e veciños das aldeas afectadas tiveron que abandonar as súas casas e axudaron na extinción.

E mentres todo isto acontecía quen coordinaba as labores de extinción? Javier Ruíz de Almirón Schlung, Xefe do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Lugo ? Non, estaba de vacacións fóra da Península Ibérica desde o 17 de outubro.

O que non debía estar de vacacións é o responsábel de filtrar a información. Nun incendio forestal que tivo unha duración de 12 horas as primeiras informacións elaboradas pola Consellaría do Medio Rural, dadas cando xa todos sabíamos que era un incendio de grandes dimensións, aseguraban que afectara a tan só 20 ha., en informacións posteriores daban o dato de 80 ha. e finalmente recoñecen 310 ha.

Dan gañas de pedir o cese fulminante do citado Xefe do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Lugo, pero a quen llo esiximos?, ao máximo responsábel da loita contra os incendios forestais e responsábel do seu nomeamento? o que decide prescindir do 60% do operativo a finais de setembro facendo unha valoración triunfal da campaña antes de rematada e que chegou a afirmar que “non ten sentido limpar o monte para evitar incendios forestais”.