Outras informacións e conflitos xerais

A CIG convoca ao Persoal Laboral da Xunta de Galiza a asistir á asamblea informativa que terá lugar o vindeiro mércores, día 15 de maio, ás 10:00 horas (en quenda de mañá) ou ás 17:00 horas (en quenda de tarde), na sala de actos do Edificio Administrativo da Xunta en Vigo, onde falaremos dos seguintes asuntos:

Orde do día

  • Acordo de concertación social da Xunta de Galiza
    • Carreira profesional
    • Funcionarización
    • Orzamentos-retribucións
    • Procesos selectivos: consolidación e estabilización
  • Varios

Lugar: Sala de actos do Edificio Administrativo da Xunta en Vigo
Día: Mércores 15 de maio
Hora: Ás 10:00 horas e ás 17:00 horas.

O venres 10 de maio (pasadas as 14h), recibimos o borrador do decreto de funcionarización do persoal laboral fixo. Descargar.

Temos de prazo para presentar alegacións ata o luns 20. Se queres, podes contactar coa CIG.

Para variar, CCOO e UGT tiveron o borrador nas súas mans uns cantos días antes que a CIG.

A CIG convoca unha asamblea de axentes ambientais para tratar diversas cuestións que consideramos que deben ser abordadas e postas en común e que afectan ao persoal funcionario destas escalas e para valorar emprender accións na defensa dos funcionarios e funcionarias do Servizo de Conservación da Natureza e na mellora das condicións de traballo, como:

  • RPT, grupo B e prazas a extinguir.
  • Análise da interpretación e aplicación do Acordo.
  • Cadrantes, vacacións e permisos e período extraordinario.

 

DÍA: Luns, 13 de maio

HORA: 18:00 horas

LUGAR: Local da CIG en San Lázaro, Rúa de Miguel Ferro Caaveiro, 10
Santiago de Compostela

A CIG quere denunciar a situación que están a sufrir os/as traballadores/as da Consellería de Política Social na Xunta de Galiza, situación que incide directamente no deterioro evidente dos servizo públicos de benestar.

Dende o ano 2012, a Xunta de Galiza do Partido Popular de Feijoo o único ao que se adicou, con respecto ao persoal ao seu servizo, foi a eliminación dos dereitos de traballadoras e traballadores.

Esta situación, que se resume na eliminación de cuestións básicas para o persoal como é o librar dous días seguidos á semana, librar fins de semanas alternos, compensar con descanso o traballo en festivos e domingos, conciliar a vida laboral e familiar (por sistema a Consellería de Política Social denega todas as conciliacións que se solicitan), etc.... resúmese en que cada vez menos persoal de asistencia directa (ATS/DUE, Aux. Clínica) queira traballar na consellería e se vaian a traballar ao SERGAS, con mellores condicións, tanto económicas como laborais.

Chega o despropósito de Política Social a extremos tan grandes que o subdirector de persoal permítese o luxo de dicir: "que diferenza existe entre traballar a noite do día 31 de decembro e outro día calquera?, eu non a atopo" (sic).

En canto a CIG deu conta de que parte dos candidatos do SEPGA están no lado escuro da forza e se sentan nas negociacións, non como representantes do persoal funcionario senón da empresa, sáltalles o chip, cortocircuítan, e comezan a falar de extorsión, de subvencións, de horas sindicais. Este discurso xa o coñecemos porque foi sempre o que utilizou a empresa.

Intentan facernos crer que nós os acusamos de que eles van negociar asuntos so subgrupo A1 sendo delegados de dito subgrupo. Pois non. Para a CIG un delegado do A1 pode negociar asuntos relativos ao A1. O que non pode un delegado do A1 e sentarse na mesa representando á empresa e defender os recortes. Intentar desviar a atención disto non cola.

Por qué están tan nerviosos en SEPGA?

A contratación de novos equipos de valoración da discapacidade hai meses, como medida paliativa para sacar adiante expedientes e minimizar así o tempo de agarda por valoración, foi unha montaxe da Xunta pra sacarse de enriba aos medios de comunicación que lles podían facer dano diante de calquera proceso electoral. Logo diso volvemos á mesma desatención e a xerar distanciamento coa sociedade, coma consecuencia do desmantelamento deses equipos que tampouco eran un luxo asiático, e volvemos a ter unha espera de un ano, ou ata dous, como en Pontevedra, para poder atender un expedente.

INDOLENCIA E INCOMPETENCIA A PARTES IGUAIS

Dicimos que é indolencia por parte da administración do PP mais tamén é unha bufonada diante dese electorado que logo carrexan dende aquelas residencias da terceira idade á urna de votación correspondente e cun voto na man, falamos de trampulleiros e trampulleiras que dominan ese xogo do engano con dependentes. Non é menor o asunto coma tampouco o é esa suma de incompetencias varias dun goberno ausente dos servizos sociais dende hai moitos anos. A evidencia está na multitude de concellos que claman dende hai anos por axudas para loitar contra a soidade dos anciáns ou enfermos e enfermas nos fogares do meio rural. Por provincias, naquelas décadas dos 80 e 90, Lugo e Ourense representaban os focos máis afectados, non imos analisar agora as causas, mais tamén isto caeu en picado demostrando o avellantamento de toda a sociedade galega, e a inversión da campana poboacional da que xa nos avisaban sociólogos de moito renome.

O persoal laboral fixo que se comprometa a funcionarizarse, cobrará a carreira profesional. Pero que pasa co diñeiro se finalmente non se funcionariza? Que pasa se non se presenta ao proceso? E se non o supera? Tería que devolver o diñeiro cobrado?

O texto do Acordo de Concertación que asinaron CCOO, UGT e Xunta, di o seguinte:

O persoal laboral fixo [..] poderá acceder ao sistema de carreira profesional [..] se opta de maneira expresa e individualizada por acollerse ao proceso de funcionarización e o supera, momento en que se consolidarán as contías percibidas. [..]

Falta xa unha quinta parte do persoal por amortizacións ou falta de dotación orzamentaria

A CIG denuncia que a falla de dotación de persoal e medios nas oficinas agrarias e a privatizacion ou extinción das funcions que realizan os profesionais destas oficinas de atención ao cidadán, labrego/a e gandeiro/a producirán a sua desaparición en poucos anos.

A necesidade de asentar poboación no rural que dinamice un sector primario produtivo compatible co entorno e o medio, asegure a prestación de servizos na poboación e sirva como única medida sostible a curto e medio prazo contra as vagas de incendios forestais contraponse coa política da Xunta de Galiza que está a realizar un desmantelamento efectivo das oficinas agrarias comarcais, precisamente na lexislatura que Feijóo denominou do medio rural.

Así o denuncia a CIG que alerta do esmorecemento das oficinas agrarias por deixadez e retirada de funcións cara empresas como a formacion aos labregos e labregas e tramitación das axudas da PAC.

A CIG denuncia que TRAGSATEC, á que lle encomendou este traballo, non ten persoal cualificado e esixe a creación das prazas necesarias na Dirección Xeral.

O pasado 25 de marzo saía publicado no DOG unha nova encomenda de xestión con TRAGSATEC pola cal se externaliza parte do servizo de elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural e á súa contorna de protección. A CIG denuncia esta nova externalización de emprego público e esixe á Xunta que cree as prazas necesarias neste departamento para garantir a tutela do patrimonio cultural.

A encomenda, por valor de preto de 150.000 euros, ten unha duración de catro meses e carácter retroactivo a inicios de marzo, unha artimaña coa que a Xunta pretende dar visos de legalidade ao traballo que TRAGSATEC veu desenvolvendo para a Dirección Xeral de Patrimonio entre xaneiro e marzo, logo de ter rematado a vixencia dun primeiro contrato en decembro.