Retribucións

A Consellería de Facenda publicou no DOG do 13/07/2018 a Orde de confección de nóminas do ano 2018, con efectos de 1 de xaneiro do 2018.

Pese ao denso do tema (55 páxinas), o caso é que imos cobrar 1,5% máis bruto nas nosas nóminas, cos atrasos posibelmente nun só pago. Quedaría pendente outro 0,25%, que estaba condicionado ao obxectivo de cumprimento do déficit no 2017.

Esto significa que, grazas ao magnífico acordo dos gobernos do PP e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF, e ao estar o IPC no mes de xullo xa no 2,3%, este ano volvemos a perder poder adquisitivo.

Como recibir un pago de entre 100 e 200 euros nunha única nómina por atrasos é algo que vamos notar, é de supoñer que nas vindeiras semanas poidamos ler nos boletíns as bondades dos acordos, xunto con bombardeo na prensa dicindo que somos privilexiados e case xa ricos.

A maiores dese pago único, o incremento do 1,5% bruto quedará consolidado, o que nos permitirá compensar a suba da luz, máis ou menos.

Se queres saber exactamente o incremento que che vai supoñer, colle a nómina de maio, multiplica o salario bruto por 0,015 para calcular o incremento mensual, e por esa cantidade por 7 para o pago único por atrasos.

A Consellería de Sanidade decidiu repartir un complemento de produtividade ás persoas dependentes da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación. Os importes máximos poden ir dende 4.800 €/anuais ata os 1.200 dependendo do posto e grupo.

A consellería actúa unilateralmente contravindo as súas obrigas de negociación fixadas na Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza.

A CIG enviou escrito a Función Pública e Sanidade esixindo información, negociación e suspensión de calquera medida mentres a consellería non cumpra as súas obrigas.

Incumprindo as obrigas de negociación coa representación sindical que fixa a Lei do Emprego Público de Galiza, a Consellería de Sanidade decidiu fixar os criterios e importes para o reparto dun complemento de produtividade entre o seu persoal da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación.

O persoal da subdirección recibiu un escrito de “aceptación de criterios de distribución de incentivos do persoal da subdirección xeral de inspección, auditoría e acreditación de servizos sanitarios 2018”, que debían asinar, asumindo así os criterios decididos sen negociación.

Todo isto é froito dun acordo asinado en setembro do 2017 pola Consellería de Sanidade e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o control das incapacidades temporais no período 2017 a 2020. As bases do convenio marcan uns obxectivos e unhas retribucións diferenciados en concepto de “complemento de produtividade” diferenciado segundo a escala/grupo de pertenza do persoal funcionario.

Pero a Lei é clara: “serán obxecto de negociación [..] a determinación e aplicación das retribucións complementarias do persoal funcionario, [..] as que afecten ás retribucións do persoal funcionario [..]”, ou “a asignación deste complemento realízase conforme criterios obxectivos establecidos regulamentariamente coa necesaria información e participación dos órganos de representación sindical”.

A CIG dirixiu escrito a Función Pública e á Secretaría Xeral Técnica de Sanidade solicitando a suspensión de todo acto relacionado con este complemento de produtividade mentres non se proceda ao estrito cumprimento das obrigas de información e negociación que ten a Administración coa representación sindical das empregadas e empregados públicos.

Despois de asinar un acordo salarial onde este ano nos suben o 1,75% (un 1,5% ata xullo) sen cláusula de revisión salarial, desindexado dun IPC que previsiblemente será do 2%, cunha suba condicionada para os vindeiros anos polo incremento do PIB e o cumprimento dos obxectivos de estabilidade, que tanto un como o outro o Goberno xa prevé que non se van cumprir, CSIF, CCOO e UGT sorprendennos, uns dicindo que van convocar mobilizacións porque cobramos un 50% menos que noutras Comunidades Autonómas e outros falando de que hai que negociar novas subas salariais na Xunta de Galiza.

Cando se negociaba en Madrid e lles advertimos que esa suba era un insulto non pensaban o mesmo, porque eles si ían cobrar tanto xestionando o fondo de pensións dos empregados/as públicos/as do Estado como por formar aos seus propios delegados sindicais.

No día de hoxe, 23 de maio, o Partido Popular ven de aprobar os Orzamentos Xerais do Estado.

A suba das nosas retribucións é do 1,5%. (Acordo de Madrid asinado por CC.OO, UGT e CSIF)

A previsión de incremento do IPC para decembro de 2018 é 2%. (Datos Funcas)

Necesitamos algún dato máis?

O Acordo de Madrid non foi de balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos, pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.

CCOO e UGT que teoricamente defenden o sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de pensións privados onde os traballadores PAGAN AOS ASINANTES comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións de carácter privado.

CCOO e UGT obteñen así beneficios de múltiples fondos de pensións de empresas privadas e de administracións públicas, xestionados a través da empresa EGFP S.A. participada por eles.

Centrándonos só no de maior contía, que é o da Administración Xeral do Estado, vemos que este fondo se nutre con aportacións que se detraen da suba salarial e que nos últimos anos estaban suspendidas a maior parte delas a raíz dos recortes practicados polos sucesivos gobernos, pero co acordo asinado vai poder ter novas aportacións con esa porcentaxe de fondos adicionais que din que serven para subirnos o soldo pero que no caso do Estado van pasar a engordar ese fondo de pensións e non van ser salario directo.

Cando na Mesa Xeral das Administracións Públicas de Madrid de marzo nos puxeron diante o Acordo de mellora do emprego público e condicións de traballo xa previamente negociado ás agachadas e asinado por CCOO, UGT e CSIF para que o subscribíramos, dixemos NON polas razóns que expuxemos en duas notas informativas: 1) Acordo de Madrid: nin recuperación salarial, nin 35 horas, nin fin dos descontos por IT. Que nos queren vender? e 2) Si unha equipa galega gaña a liga, ou por que dificilmente cobraremos a suba pactada

Pero había outro punto na Orde do día da Mesa Xeral: aprobar unha serie de modificacións do Acordo AFEDAP, de formación das persoas empregadas públicas.

Este presentaba no seu articulado unha novidade a salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións formativas dirixidas a delegados/as e cadros sindicais no sector público. Mesmo incluían a quenes nin sequera tivesen a condición de empregados/as públicos/as. isto último finalmente retirado xa que sendo manifestamente ilegal tiña incluso o informe negativo da Avogacía do Estado, pero danos idea de ata onde querían chegar.

Cando dúas partes pactan algo que queren que non se cumpra poñen unha condición imposible. Si lle queren dar visos de verosimilitude ao pacto poñen unha condición improbable.

Si unha equipa galega gaña a liga cobraredes. Desgraciadamente só o Celtiña e con moita axuda podería gañar a liga. Terían que acontecer unha serie de feitos, como que descualificaran ao Barça por antiespañol ou porque conseguiron a independencia, gañar todos os partidos que quedan da liga e que o Atlético de Madrid perdera todos e o Real Madrid grande parte deles.

Como moi a pesar nosa que unha equipa galega gañe a liga vai ser tan difícil como que se aliñen os astros formando o logo do PP, podemos dicir que nese caso non cobraríamos.

Na nómina de xullo pagarán o 1%. Na nómina de agosto irán os trienios do Consorcio.

O Director Xeral de Función Pública informou aos sindicatos nunha xuntanza que tivemos o venres 14, que:

  • Na nómina de xullo irán os atrasos polo incremento do 1%, así como a corrección de erros nos trienios de determinado persoal.
  • Na nómina de agosto incluirán os atrasos polos trienios do persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar, tras rematar o recoñecemento dos servizos prestados.

Unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado do ano 2017 foron aprobados polo Parlamento español, dende a Dirección Xeral da Función Pública convocou ás organizacións sindicais representativas na administración autonómica, para informar de cuestións derivadas da Lei de Orzamentos.

Nesta xuntanza exprés, escasamente media hora, o Director Xeral da Función Pública deu información, que en gran medida xa era coñecida por todos e todas nós, pois ven derivada da aprobación dos citados Orzamentos do Estado:

Ante o rebumbio creado pola posíbel retención indebida na nómina de marzo de parte da cota obreira correspondente a uns atrasos dos meses de xaneiro e febreiro, achega Función Pública un informe elaborado pola "Comisión de Nóminas".

A tal efecto a CIG xa informou dias atrás (ler nova do 4 de maio) de que o escrito de reclamación que estaba a promover outro sindicato non tiña sentido.

Resumindo: que a suposta retención indebida foi realizada consonte á normativa.