Non se articula, xa que logo, mecanismo ningún de recuperación directa e definida da paga extra, senón que se expresa apenas un compromiso político sen concreción temporal e condicionado a que mellore a situación económica, ambas circunstancias escasamente probables, dada a vertixinosa caída libre en termos sociais, democráticos e económicos que está a experimentar o conxunto da sociedade  como resultado das atroces políticas de imputación á maioría da poboación dos custos da socialización do rescate á banca privada.

Tendo en conta a situación límite que están a vivir xa moitos empregados públicos e as súas familias, desde a CIG queremos manifestar o noso máis contundente rexeitamento e indignación con este comunicado con valor meramente propagandístico do Consello da Xunta, que non deixa de ser a outra cara da moeda da continua campaña de desprestixio dos servidores públicos, convertidos en bodes expiatorios para desviar a atención sobre os catastróficos resultados das políticas de "austeridade asimétrica", coas que se está a hipotecar o Estado para rescatar á banca privada.