a) A supresión da paga extraordinaria non responde a unha decisión administrativa, senón que é consecuencia dunha lei. As administracións, organismos, entes ou empresas públicas non poden deixar de aplicar unha lei, polo que esas reclamacións están condenadas ao fracaso en vía administrativa.

b) A presentación de reclamacións-tipo pode ter consecuencias negativas. Se a administración emite unha resolución desestimatoria e esta non é impugnada xudicialmente, prodúcese un acto administrativo firme e consentido, de modo que a persoa reclamante non pode repetir a reclamación no futuro.

c) A presentación de demandas xudiciais, nomeadamente en vía contencioso-administrativa, pode acarrexar a imposición de custas procesuais. Ademais, unha sentenza desestimatoria produce o efecto de cousa xulgada, coas mesmas consecuencias, xa explicadas no punto anterior.

En todo caso, as reclamacións non poden dirixirse contra o real decreto-lei, senón contra os seus actos de aplicación e, particularmente, contra a redución en nómina da paga extraordinaria, que terá lugar no mes de decembro.

Dado que a supresión da paga extraordinaria foi acordada mediante Real Decreto-lei, o Tribunal Constitucional pode resolver sobre a súa conformidade a dereito. Para que este tribunal actue ten que ser algún dos suxeitos lexitimados -50 deputados, 50 senadores, o defensor do pobo ou unha comunidade autónoma- quen presente o «recurso de inconstitucionalidade» (art. 162 CE).

Neste sentido, o pasado día 27 de setembro, o pleno do Parlamento de Navarra decidiu recorrer perante o Tribunal Constitucional a supresión da paga extraordinaria de decembro dos empregados públicos, baseándose tanto na «inidoneidade constitucional» do decreto-lei para suprimir, a metade de exercicio, un dereito retibutivo básico, como na posíbel vulneración das competencias forais sobre función pública.

Se o Tribunal Constitucional estima o recurso de Navarra, declarando a inconstitucionalidade do decreto-lei, a sentenza beneficiará a todas as empregadas e empregados públicos, salvo a aqueles que, como consecuencia dunha reclamación individual, obtiveran unha resolución desestimatoria firme e consentida en vía administrativa, ou ben  unha sentenza desestimatoria con efectos de cousa xulgada en vía xudicial.

A CIG apoia todas as accións reivindicativas que se utilicen para mostrar o rexeitamento das empregadas e empregados públicos a un conxunto de medidas que constitúen un ataque sen precedente aos nosos dereitos individuais e colectivos. Non obstante, fai un chamamento á cautela para evitar resolucións desfavorábeis que poidan prexudicar as propias persoas interesadas.

Servizos xurídicos da CIG