As cantidades derivadas da supresión da paga extraordinaria e das pagas adicionais do complemento específico ou pagas adicionais equivalentes de acordo co disposto neste artigo serán obxecto de recuperación en exercicios futuros, con suxeición ao establecido na Lei orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e nos termos e co alcance que se determine nas correspondentes leis de orzamentos.

Onte mesmo, a Conselleira de Facenda ven de declarar que o goberno de Feijoo alcanzará os obxectivos de estabilidade orzamentaria non superando o límite do déficit fixado no 1,5% do PIB, declaracións que coinciden coa declaración institucional na páxina da Xunta segundo a cal "Galiza  converteuse na comunidade de referencia no cumprimento da estabilidade orzamentaria". O mesmo argumento manteñen no Consello de Política Fiscal e Financeira.

Segundo o goberno de Feijoo se están a cumprir as condicións que a Lei 9/2012 que suprimía a paga extraordinaria, esixía para poder recuperala en exercicios futuros. A cuestión queda agora en mans do goberno do Partido Popular que non se pode amparar en ningún impedimento legal xa que a decisión vai ser única e exclusivamente unha cuestión de vontade política.

Dende a CIG-Autonómica esixímos ao goberno que declare publicamente a intención de restaurar o detraído aos empregados públicos nos Orzamentos Xerais do 2013.

Esta mesma semana entregáronse 3500 sinaturas nos Servizos Centrais contra o recorte, organizáronse actos reivindicativos en varias cidades, recolléronse máis de 2 toneladas de alimentos nas concentracións solidarias en Pontevedra e Vigo contra os recortes. Mentres o goberno sega sen dar mostras da súa vontade de facelo, os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza seguirémonos mobilizando ata conseguilo.


Nota de prensa enviada aos medios