En definitiva, que os empregados/as públicos/as galegos non volveremos a cobrar a paga extra completa ata que se alcance o nivel de ingresos do ano 2009, que foi cando por primeira vez se cobrou o 100% do Complemento Específico que agora nos detraen.

O nivel de ingresos do 2009, segundo as previsións de ingresos nos Orzamentos Xerais dese ano  foron de 11.417.385,495 €, e tendo en conta o proxecto de Orzamentos deste ano e as previsións para 2014 e anos seguintes, só se acadarían ese nivel de ingresos ao redor dos anos 2019 ou 2020, tendo en conta as mellores previsións.

Con isto o que pretende Feijoo é consolidar o recorte das pagas extraordinarias en exercicios futuros, algo que ocultou nas súas declaracións.

Aumenta o gasto en asesores do Presidente

 

E é tremendamente inmoral, que no contexto destes recortes aos empregados/as públicos/as, Feijoo siga aumentando a Corte de asesores e persoal de gabinete que o rodea. O gasto en “persoal de confianza” medra na Secretaría Xeral da Presidencia, o entorno máis próximo ao Presidente, pasando de 785.234 € no 2012 a 908.818 € no 2013. Feijoo gasta un 15,8% máis en rodearse de amigos mentres recorta aos empregados públicos.

 

Suspensión do artigo do Convenio Colectivo que fai referencia ao descanso semanal

 

A Lei de medidas suspendera xa as garantías e compensacións horarias aos traballadores que traballan en domingos e festivos, pretendendo a Xunta substituír estes descansos por cartos.

Tendo a Xunta sentenzas en contra en relación ao descansos de quen traballan en noites e non querendo executar ningunha delas, agora a maiores suspende o único punto que quedaba en vigor do artigo que fai referencia ao réxime de descansos suspendendo o dereito ao descanso semanal de dous días ininterrompidos que establece o art. 19.1 do Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza.

Isto vai afectar fundamentalmente a todo o persoal que presta servizos en residencias de maiores, centros de menores, etc, que traballan a quendas e ao que van intentar que se lles solapen os descansos semanais, cos propios da saída da quenda de noite, ou coa compensación horaria por traballar en domingos e festivos.

Isto forza ao máximo a capacidade dos traballadores/as de prestar un servizo de calidade en condicións dignas para os usuarios e pretende degradar os servizos sociais e asistenciais públicos de cara a unha próxima privatización.

 

Redución de prazas vacantes, da Oferta de Emprego Público e dos concursos de traslados.

 

Como novidade para o ano 2013, non se van recoller no anexo de persoal as prazas das correspondentes Relacións de Postos de Traballo que se encontren vacantes sen ocupación, tal e como di o art. 23 da Lei de Orzamentos Xerais de 2013.

Isto vai reducir non só as contratacións, senón a posibilidade de mobilidade dos empregados/as públicos/as ao quedar os concursos de traslados reducidos a nada, ao tempo que pecha a vía da promoción interna ao non haber prazas ás que promocionar, polo que converte as Ofertas de Emprego Público en papel mollado, algo que tamén se confirma cando ditan no art. 32 que “durante o exercicio do 2013, as incorporacións de persoal funcionario, laboral e estatutario fixo, derivadas dos procesos de selección e provisión, non poderá supoñer en ningún caso un incremento dos efectivos que ocupen prazas dotadas orzamentariamente”.

A isto hai que sumar que no 2013 amortizaranse un número de prazas equivalente, ao menos, ao das xubilacións que se produzan.

A combinación destes tres elementos significa, que non se van poder convocar procesos selectivos nin concursos que non sexan con prazas ocupadas e orzamentadas, o cal reduce calquera OEP e os concursos de traslados á nada.

 

A CIG-Autonómica considera que estes Orzamentos consolidan os recortes de cara ao futuro, degradan o sistema de dereitos, bloquean a mobilidade e a promoción dos empregados públicos e conducen á Administración Pública galega cara ao abismo da desintegración e a privatización.

Fronte a isto continuaremos coas mobilizacións este vindeiro ano para tratar de frear a mentira e as políticas agresivas de Feijoo.

Nota de prensa enviada aos medios