Desde a CIG-Autonómica consideramos que a pretensión de garantir a estabilidade orzamentaria e cumprir cos obxectivos do déficit asignados á Xunta a través da vía da redución do Capítulo I dos Orzamentos supón unha renuncia do Goberno galego a adoptar medidas fiscais que incrementen os ingresos tributarios, impoñendo de novo sacrificios aos sectores sociais que non son responsables da crise, neste caso aos empregados públicos.

A política de redución do déficit público por parte da Xunta de Galicia non casa coas nulas propostas por parte do partido gobernante no tocante a obtención de novos ingresos cando neste sentido estase moi por debaixo dos niveis potenciais de recadación. Estamos lonxe da capacidade de recadación potencial con impostos e tipos impositivos máis eficientes e xustos.

A inexistencia de propostas que fagan caer o peso da crise e do déficit público sobre os causantes da crise económica e os sectores sociais con máis capacidade económica supón un agravio aos sectores máis desfavorecidos e singularmente, no caso que nos ocupa, a un segmento da poboación: os empregados públicos.

A ausencia dunha política tributaria baseada nunha fiscalidade progresiva que faga caer o groso do esforzo sobre os contribuíntes con rendas máis altas e os grandes patrimonios é incompatible cos principios que rexen unha política fiscal xusta e redistributiva. Cargar, unha vez máis, unha gran parte do peso das políticas da denominada "consolidación fiscal" sobre os empregados públicos non semella moi acorde cos principios de xeneralidade, progresividade e equidade que deben conformar a política fiscal, supoñendo  a indolencia fiscal da Xunta unha carga gravosa para determinados sectores sociais. Os principios que deben conformar unha política fiscal xusta deberían impoñer que a carga fiscal fose asumida con criterios de progresividade a través de diversas medidas como o  aumento dos tipos marxinais das rendas máis altas no IRPF, a reforma do imposto de sucesións e doazóns, a imposición sobre os grandes patrimonios, imposto sobre os depósitos bancarios, imposto ás grandes superficies, etc.

É por tanto incoherente, e contrario ao principio de xeneralidade adoptar medidas singulares que só afectan a un segmento da poboación e non seguir o criterio polo cal todos deben contribuír conforme á súa capacidade contributiva.