Naquel verán do ano pasado a redución dos moscosos e máis do "absentismo laboral" dábanlle a Feijóo "unha capacidade enorme para aforrar en gastos de persoal". Chegado a final de ano, e sen os efectos dos vapores electoriais, debeu ver claro que non era necesario manter todo o gasto de persoal tendo en conta o elevado grado de privatización e asistencias técnicas que se podían contratar por outros capítulos para facer traballo de empregado público pero de xeito moito máis flexible e de moita máis "confianza".

E cando chegou o recorte aínda tivemos que sofrir a burla de que non se trataba dun recorte, que íamos cobrar un 3% máis que en 2012, igual que cando chegaron os despedimentos tivemos que soportar a burla de que non eran despedimentos senón amortizacións. Agora que vemos o recorte moi clariño nas nosas nóminas, por moito que traten de educoralo coa "xornada de verán flexible", demóstrase irrefutable que o que nos está caendo por riba, como dicía Castelao, non é choiva.