Lembremos tamén outra das súas grandes frases (encántalle escoitarse a si mesmo), xusto cando anunciou o recorte da paga extra naquel decembro do ano pasado: "A los contratados temporales y los funcionarios les hemos pedido un esfuerzo, pero su trabajo no corre ningún riesgo". Posteriormente, en maio deste ano, vimos desfilar a moitos dos nosos compañeiros da consellaría de Traballo e das unidades da Dependencia cara ás filas do paro.

Agora é un bo momento para lembrar o que é un Servizo Público, é un bo momento para lembrar que a todos eses bombeiros, persoal de emerxencias e sanitarios que traballaron horas a esgallo e en condicións fatais cando o fatídico accidente de Angrois, aqueles que lograron salvar tantas vidas, a todos eles, se lles vai recortar o salario o ano que vén.

Feijóo o austero, o íntegro, a voz inmaculada do Partido Popular, pero que está calado cando lle piden os expedientes de Marcial Dorado ou cando lle preguntan polo financiamento irregular do Partido Popular da Galiza. Para isto si que fala, como quen no quere a cousa, como se xa todo o mundo o tivéramos que saber, aínda que o diga doutro xeito: Volve recortar os salarios dos empregados e empregadas públicas. Pois ben, vainos ter enfronte.

O mais seguro é que nin se moleste en lernos, non nos importa; xa nos ten escoitado nas rúas e volverá a escoitarnos; xa lle teñen chegado as nosas denuncias no xulgado e volveranlle a chegar; xa nos ten visto marchando á porta da súa casa e volveranos a ver. A mentira tamén ten un custo e igual algún día acaba perdendo as eleccións e deixa de entrar pola porta grande da Presidencia en San Caetano, esa que só abren cando vén el.