A sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, vén a supoñer un recoñecemento das formas grotestas coas que se aprobou a expropiación da paga extra de Nadal de 2012 aos traballadores do Sector Público, sen amosar o máis mínimo respecto por principios constitucionais como a irretroactividade das normas. Máis preocupante, en cambio, resulta o feito de que as instancias xudiciais españolas están polo momento a amparar o groso das medidas contra os traballadores en xeral e contra o Sector Público en particular que foron adoptadas coa actual política de recortes, en constraste coa maior independencia amosada polo poder xudicial de países veciños como Portugal, onde foi declarada inconstitucional a expropiación das pagas extras ao persoal do Sector Público, ao considerar o recorte un imposto dirixido só a unha parte da clase traballadora.

A CIG, en calquera caso, está a cubrir a actuación xudicial en todas as instancias contra o recorte das extras, tanto en persoal laboral como no caso do perosal funcionarios, e agardamos que o conflito colectivo presentado pola paga extra do persoal laboral da Xunta se resolva no mesmo sentido que o do persoal de Portos de Galicia; así mesmo, demandaremos que se apliquen os efectos benéficos ao persoal funcionario, que tamén viu expropiada a súa extra de 2012 cuxas demandas no contencioso-administrativo non levan a mesma velocidade de resolución.

Por último, desde a CIG queremos incidir no feito de que a batalla xudicial é só unha das facetas desta loita, que a fundamental segue a ser a concienciación de todos os compañeiros e compañeiras, a mobilización e a denuncia pública desta situación, que van ser os elementos que nos empoderen para poder botar un pulso á política de recortes e poder tumbala. Hai que ter en conta que a vía xudicial non substitúe ao poder de cambio das mobilizacións, máis tendo en conta a escasa indepencia política coa que actúa a Xustiza no Estado español; unha Xustiza que non está repondendo como agarda a cidadanía ao amparar o núcleo das reformas antisociais aínda que vaian contra a liña de flotación do estado de dereito.