O seu obxectivo era saber como pretendía a Xunta de Galiza dar cumprimento ás numerosas sentenzas que a obrigan a devolver a parte indebida da paga extra que non se abonou a todas as traballadoras e traballadores públicos. Sentenzas que xa saíron publicadas e que son favorábeis para o persoal laboral que depende de Portos de Galiza, do V Convenio da Xunta de Galiza, das tres universidades, tanto para o persoal laboral PDI como PAS, Seaga, Turgalicia ou CRTVG e persoal funcionario do SERGAS e Ensino, de momento.

A CIG instou a que se faga efectivo xa o pagamento dos salarios deixados de percibir e demandou que se deran instrucións para que todos os organismos e administracións dependentes da Xunta de Galiza procedan xa a facer esta devolución. Fixeron extensiva esta demanda aos concellos, onde tamén hai sentenzas favorábeis e denunciaron os custos que a vía xudicial está provocando á administración, que en moitos casos son superiores ao que custaría facer efectiva a parte correspondente á paga extra de 2012.

Malia isto, a conselleira de Facenda xustificou a súa negativa a acatar as sentenzas argüíndo que a decisión de non abonar a paga extra derivaba dun Real Decreto estatal que obrigaba á Xunta de Galiza a aplicalo e que tiñan orde do Estado de agardar a que se ditara sentenza firme do Constitucional.

Sinalou, ademais, que a Xunta de Galiza non pode pór en marcha ningunha iniciativa propia porque dependen das decisións que se adopten a nivel de Estado. Porén, si puido o goberno galego, presentar recursos a todas as sentenzas nas que cabía presentalo, tanto as referidas a persoal laboral como a persoal funcionario. E isto o facía mentres outras comunidades anunciaban que pagarían: como é o caso de Estremadura ou Castela e León.

Ante isto, na CIG denunciamos que é unha irresponsabilidade e un abandono das súas funcións como goberno galego depender das ordes que tome o goberno de Madrid. Tamén se lle reclamou que fixeran uso das competencias que ten o goberno galego e que se anunciou que, deste xeito, non queda máis remedio que abrir a vía das reclamacións individuais.