2. En que situación estamos actualmente?

Os xulgados do contencioso-administrativo (e tamén a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) adoptaron a mesma decisión que os xulgados do social: recoñecer o dereito a cobrar a parte da paga extra de decembro que xa estaba devindicada no momento en que entrou en vigor o RDL 20/2012. Para a maioría das funcionarias e funcionarios, isto equivale a un mes e medio de devindicación (entre o 1 de xuño e o 15 de xullo). Só para o persoal funcionario de Xustiza se recoñece o dereito a cobrar a extra completa, toda vez que non foi modificada a Lei Orgánica do Poder Xudicial.

3. Que estratexia seguirá a CIG a partir de agora?

A primeira fase está concluída, porque xa temos un criterio xudicial parcialmente favorábel ás nosas pretensións.

A segunda fase baséase en conseguir sentenzas que se poidan estender ao maior número posíbel de persoal funcionario.

4. Que é a extensión de sentenzas?

A extensión de sentenzas é unha modalidade especial de execución que está regulada no artigo 110 LXCA.

Unha sentenza que recoñece un dereito a un/unha funcionario/a pode estenderse a outros/as que estean na mesma situación, sen necesidade de iniciar un novo procedemento, sempre e cando se dean estas condicións básicas:

  • deben ser persoal funcionario da mesma administración (por exemplo: da Consellaría de Educación)
  • o xulgado que ditou a primeira sentenza debe ter competencia territorial para resolver a reclamación dos que pretenden a extensión (por exemplo: unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña non se pode estender a persoal funcionario que traballen en Ourense).
  • a solicitude de extensión debe presentarse no prazo dun ano desde que a sentenza é firme.

5. Como conseguimos sentenzas para estender?

En cada comarca, iniciaranse reclamacións individuais de persoal funcionario de cada unha das administración (Universidade, Xunta, Educación, SERGAS, Concellos, etc.), que van funcionar como baliza. Esas serán as sentenzas que estenderemos.

As sentenzas que xa temos (por exemplo, a do SERGAS do Xulgado da Coruña) xa poden ser estendidas, salvo que sexan impugnadas mediante un recurso de casación en interese de lei. O prazo que ten a Administración para interpor este recurso é de tres meses.

6. Como pode afectar a estas reclamacións unha posíbel sentenza do TribunalConstitucional?

A Sala do Social da Audiencia Nacional formulou varias cuestións de inconstitucionalidade en relación coa supresión da paga extra, en conflitos colectivos presentados no ámbito do sector público estatal. A existencia desta cuestións de inconstitucionalidade é o argumento que usa a Xunta para non pagar a parte devindicada engada con carácter xeral, contrariamente ao que fixeron os gobernos de Castela e León e Estremadura. En todo caso, será o Tribunal Constitucional o que teña a última palabra, nun prazo que resulta difícil de prever, aínda que a Xunta ten previsto que sexa polo mes de xullo.