A previsión da publicación da resolución do concurso xeral para o día 31 de marzo fai que os prazos posesorios se prolonguen durante  varios días do mes de abril, segundo o caso.

Dado que a Orde de confección de nóminas establece que as retribucións que se teña dereito a percibir se farán efectivas con referencia á situación e dereitos do funcionario referidos ao primeiro día hábil do mes que corresponda, imos atopar que moitos/as compañeiros/as á día 1 de abril aínda non tomarán posesión e polo tanto cobrarán en abril as retribucións propias do posto anterior.

Isto contrasta con todos os que dende unha libre designación concursan, xa que durante o mes de abril van seguir cobrando as retribucións propias do posto en LD ao ter esa condición o primeiro día de mes e telo garantido polo artigo 65 da Lei de Función Pública.

Dende a CIG remitimos un escrito con carácter urxente á Conselleira de Facenda e ao Director Xeral da Función Pública para que se publique a Resolución o antes posible ou ben para que se arbitre unha solución para que estas situacións non supoñan a merma das retribucións propias do posto obtido en concurso durante un mes, dada a cada vez maior precariedade retributiva do persoal funcionario da Xunta de Galiza.