Criticamos que o Executivo de Feijoo siga o ditado de Madrid e manteña a taxa de reposición no 0%, agás no caso dos servizos esenciais (como saúde ou ensino), que se sitúa nun 50%, claramente insuficiente para cubrir as vacantes producidas nos últimos anos. Por iso estes orzamentos implicarán a desaparición de servizos públicos e o aniquilamento total doutros. Xa estamos vendo, a día de hoxe, o que isto significa para a administración: externalización e privatización dos servizos públicos”. Unhas privatizacións que están no fondo dos escándalos de corrupción que a diario se destapan.

A CIG demanda un cambio nas políticas neoliberais do executivo galego; a recuperación do poder adquisitivo do persoal dependente da Xunta de Galiza e a supresión dunhas taxas de reposición que afogan os servizos públicos minguando a súa calidade. Isto xunto coa exixencia de que se devolvan, enteiras, as pagas extra de todos estes anos.

Ausencia de investimento produtivo

A formulación dos Orzamentos da Xunta entra en contradición coas propias perspectivas de crecemento económico defendidas dende o Goberno do PP. “Se é certo que vai haber recuperación económica e o PIB galego vai medrar, o normal sería que a Xunta modificara as políticas de austeridade e recortes e apostara por recuperar uns servizos públicos que son fundamentais para a calidade de vida e para xerar emprego, que é o gran problema que temos”.

Pero a orientación das contas da Xunta non camiña nesta liña, de igual xeito que non se incrementa o investimento público nin o investimento nos sectores produtivos que contribúa a reactivar a economía. Neste senso, criticamos que o PP fundamente as políticas de recuperación en precarizar condicións laborais e rebaixar os salarios baixo o argumento de aumentar a competitividade e as exportacións, cando os países da UE aos que fundamentalmente exporta o Estado e Galiza se atopan nunha situación de crecemento mínimo e mesmo corren serio perigo de entrar en recesión.

“Coa caída dos salarios e a precarización non se vai reactivar o consumo interno -hai que lembrar que a grande maioría das empresas galegas producen para o mercado interno- e polo tanto non se reactivará a economía nin se xerará emprego. Con este tipo de orzamentos e de políticas non vemos saída nin que mellore a situación de anos pasados. Séguese a destruír moito emprego indefinido e a cambialo por emprego temporal e, sobre todo, por emprego a tempo parcial”.

O PP pretende trasladar unha visión moi positiva á cidadanía de cara aos procesos electorais do 2015 “nos que o se xoga perder a maioría absoluta”. A realidade, non obstante, é que nos seguimos movendo en índices de desemprego históricos, cunhas cifras alarmantes de parados/as de longa duración e de traballadores/as que non cobran ningún tipo de prestación -e que se atopan en serio perigo de caer nunha situación de pobreza e exclusión social-, mentres se seguen deteriorando os servizos públicos e os sistemas de protección social.

{phocagallery view=category|categoryid=20}