A CIG xa reclamou na Mesa Xeral de negociación á xunta para que pagase a parte da extra de xuño do ano 2013, á vista das sentenzas que houbera polo caso, exactamente igual, da extra do 2012, porén o goberno galego xa desde que se coñeceron as primeiras sentenzas fixo caso omiso e non fai máis que mirar para outro lado presentando recursos de casación para paralisar o maior tempo posíbel o pagamento, aínda que saben perfectamente que ao final terán que facer o pagamento.

A actitude negativa e obstrucionista ás sentenzas da Xunta o que fai é encarecer máis para as arcas públicas o resultado da súa pésima xestión deste asunto, xa que a condea ao pagamento do diñeiro que lles deben aos traballadores vai ligada ao pagamento dos xuros desde o momento en que debeu ser pagada até o momento do pagamento final co que a factura total será moito maior para as arcas públicas.

Desde a CIG instamos á Consellaría de Facenda e ao presidente da Xunta para que fagan frente ás súas obrigas e lles paguen a todos os seus traballadores esta débeda que unha vez máis é recoñecida polos tribunais de xustiza.