Tampouco restablecen o soldo base e trienios das extras equiparados as mensualidades

Despois dun lustro de recortes e con eleccións á vista, o PP quere facer un xesto de cara a mercar vontades dos/as empregados/as públicos/as devolvendo no 2015 un 26,23% da paga extra de decembro de 2012, vinte días antes das Eleccións Xerais.

A espera da Mesa Xeral do martes 15 de setembro, o conselleiro confirmounos o luns 14 que só devolverán esa cantidade (do 2012), e que o restablecemento de días de asuntos persoais e adicionais de vacacións quedarán para “unha posterior negociación”. Supoñemos que para a xornada de reflexión saberemos algo.

Limítase a aplicar o mínimo ao que están obrigados

Na xuntanza que tivemos o luns 14 co conselleiro, este confirmounos que a Xunta de Galiza limitarase a trasladar ao persoal que depende da administración pública galega os contidos dos decretos establecidos polo Goberno español, quedando pendente o resto para unha posterior negociación. 

Nin recuperación das pagas extras completas que nos roubaron no 2013, 2014 e 2015, nin recuperación do 100% das retribucións por Incapacidade Temporal dende o primeiro día, nin restitución da xornada laboral modificada a diferentes colectivos. 

A CIG denuncia a enorme perda de poder adquisitivo do persoal das administracións públicas galegas ata o ano 2015, que se eleva a máis do 30% desde o ano 2010 e que, segundo o avance dos orzamentos da Xunta, tampouco se recuperará para o ano 2016. A única previsión que teñen é o pagamento do 50% da paga extraordinaria adebedada do ano 2012 e limitarse a traspoñer o contido dos Orzamentos Xerais do Estado no que se refire a esta materia, que contempla unha suba salarial de tan só o 1% e fixar unha taxa de reposición de efectivos no 100% en servizos esenciais e un 50% para o resto dos servizos.