Dende a CIG consideramos que aos/as empregados/as públicos/as non se nos pode devolver a débeda salarial contraída pola Administración a golpe de campañas electorais.

Démoslle conta de que hai máis dun ano que lle fixemos chegar a Feijoo un Plan de renegociación da débeda salarial co seguinte contido:

Como punto de partida teríamos unha modificación dos Orzamentos Xerais para o ano 2015 onde se contemple o seguinte:
•    100% do Complemento Específico, e equivalente para o persoal laboral.
•    Soldo Base e Trienios en igual contía nas 14 pagas.
•    As retribucións íntegras serían actualizadas polo IPC galego.

Partindo desta base, o importe do resto das débedas contraídas se liquidaría nun prazo de 3 anos do seguinte xeito:

2015

2016

2017

Pago das detraccións salariais do ano 2012

Pago das detraccións salariais do ano 2013

Pago das detraccións salariais do ano 2014

Incremento do 5%

Incremento do 5% + IPC galego

Incremento do 5% + IPC galego

1º Pago dos xuros xerados polo importe total da débeda

2º Pago dos xuros xerados polo importe total da débeda

3ª Pago dos xuros xerados polo importe total da débeda e liquidación

Importe do FAS (Acordo do 2009)

Introdución na estrutura salarial como salario directo das cantidades equivalentes ao Fondo de Pensións do Estado

 

Esta organización sindical estaría disposta a dar todo tipo de facilidades no relativo aos prazos e aos conceptos, actuando de xeito flexible, de cara a que a parte debedora poida dar cumprimento ao acordado.

Evidentemente agora habería que engadir o pago das detraccións salariais do 2015 e 2016.

O Partido Popular, a pesar de sermonear sobre as boas expectativas económicas e a senda de crecemento económico e a perspectiva de incremento dos ingresos da Xunta de Galiza non quere asumir tal plan, nin sequera quere recoñecer esas cantidades como débeda salarial, o que da fe da súa confianza na recuperación económica.

Por outra banda, e tamén como caramelo electoral, insinúan que a finais de ano poderían modificar, que non derrogar, a Lei de medidas temporais en materia de emprego público, pero tampouco se queren comprometer a nada. Deben pensar que lles imos facer publicidade gratuíta de promesas sen que se concreten en feitos.

E de derrogar o imposto por enfermar, a detracción de parte do salario por entrar en situación de incapacidade temporal, tamén se negan e din que o van manter.

En definitiva, anuncian o que xa sabíamos pero o reservan para os períodos electorais, como se os/as empregados/as públicos/as fóramos idiotas dando palmas ou votos, porque os morosos nos pagan unha ínfima parte do que nos deben.