Para a CIG chama poderosamente a atención a baixa catadura moral da administración dirixida polo Partido Popular cando fundamenta dun xeito catastrofista, en palabras do propio TSXG, o seu recurso contra a sentenza gañada pola CIG, entre outros aspectos, na situación “gravemente danosa para o interese xeral polo quebranto que supón para os intereses públicos de natureza económica ao supor o aboamento dos funcionarios públicos autonómicos de parte da paga extra, cuxo impacto valora en 23 millóns de euros, unido ao caos organizativo e a insuficiencia de créditos orzamentarios para atendelos”.

O mesmo Núñez Feijoo a quen non lle tremeu a man para roubarlle ao seu persoal 23 millóns de euros no ano 2013 parece que lle doe agora ter que devolver ese diñeiro.

A sentenza implica a obriga de publicación no DOG e pecha definitivamente a cuestión da paga extraordinaria de 2013, ao definir que a Xunta recortou ilegalmente unha terceira parte do complemento específico.

A CIG esixe unha vez máis da Administración Autonómica o compromiso de pagamento a todo o seu persoal desa parte proporcional da paga extra do 2013, unha vez que o Tribunal Superior confirma un dereito que xa viña sendo recoñecido polos diferentes tribunais do contencioso.

No caso de que o goberno galego siga a facer ouvidos xordos ás resolucións xudiciais, poderemos confirmar que a Xunta despreza absolutamente o seu persoal e obrígao a ir persoalmente aos tribunais de xustiza para gañar individualmente, aínda que teña custas para a Xunta, agardando a que a maioría do persoal non o faga e así ver reducido o que definiu como “un quebranto” para as arcas públicas. Nese caso, o compromiso da CIG manterase en estender todo o posíbel os xa máis de 1.000 recursos presentados tanto en vía administrativa como xudicial contra o recorte da paga extra.