Que as traballadoras e traballadores públicos somo un arma electoral é algo evidente: cando nos quitaron a paga extra fómolo en sentido negativo e se nos apuntou co dedo como clase privilexiada, agora que nos devolven o que era noso, tamén. Curiosamente, o tempo, neste caso si puxo á clase privilexiada no seu lugar: a das xubilacións millonarias, a das contas en Suíza, a dos pagos en B, a das sociedades opacas en Panamá, etc.

Moitas notas de prensa e espazos nos xornais e nos telexornais téñense reservado para o tema "paga extra funcionarios" sen tratar obxectivamente o fondo da cuestión: que intentaron recortarnos retroactivamente e lles saíu mal (e iso recoñeceu a Xustiza respecto a 2012 e está recoñecendo respecto do 2013), que nos devolveron a cachos, facendo coincidir con citas electorais, máis tarde que o persoal público da Administración xeral do Estado e que ese diñeiro era noso e que houbo que pelexalo.

Por certo, para as persoas que estaban traballando na Xunta no 2012 e xa non o están, teñen que facer unha solicitude á consellaría respectiva. Ver anexo.

O próximo prazo, se nada se torce, será en setembro, probablemente coa precampaña das autonómicas e de aquela de novo se volva falar de que "Feijóo cumpre", que se fixeron os deberes e que bonito é todo. Pois a verdade é que os deberes fixémolos nós, a quen se nos quitou o diñeiro á forza, sen pagar xuros, e fíxoos, dende logo, a cidadanía que sufriu os recortes nos servizos públicos. E non, Feijóo non cumpriu, cumprimos nós. De feito nin quere cumprir co que di a Xustiza coa paga extra do 2013. Tampouco cumpriu cando dixo que o da Lei de medidas de 2012 era temporal e logo incorporou parte destas medidas na actual Lei de emprego público no 2015. Por non cumprir, non cumpriu nin co que non lle custaba cartos: concursos de traslados permanentes, promoción interna...