Precarización e perda de emprego

Non hai que perder de vista que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.

En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrelas dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración.

Fronte a estas medidas continuístas, a CIG esixe rematar coa taxa de reposición e coa temporalidade e que se elabore unha OPE con todas as vacantes, incluídas todas aquelas necesarias para repoñer os servizos públicos, cando menos ao nivel que tiñan no ano 2010.

Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais

Do mesmo xeito, continúase a demandar a reposición de todos os dereitos laborais, económicos e sociais que durante estes anos foron roubados aos traballadores e traballadoras das administracións en Galiza.

Neste senso, a CIG aclara que coa recuperación das dúas pagas extraordinarias neste ano 2017 non queda saldada a débeda que a Xunta do PP ten cos seus empregados e empregadas polo roubo do 40% da paga extra dende o ano 2012 ao 2016; e que supón un 4% do salario de cada un dos seus traballadores e traballadoras.

Mércores 25/01/2017, ás 12h.
Luns 6/02/2017, ás 12h.

Por uns servizos públicos de calidade!
Recuperación dos dereitos e dos salarios roubados!