A Xunta vén de presentarnos nunha Mesa Xeral Extraordinaria o anteproxecto de Lei de orzamentos do 2012 acoutado ao Capítulo I. De seguir adiante con este anteproxecto o escenario que se nos presenta no 2012 será o seguinte:

  • Conxelación salarial nos orzamentos: as retribucións dos empregados públicos fíxanse na mesma contía que no 2011. Estamos ante uns orzamentos que consolidan a rebaixa salarial do ano 2010 e que supoñen unha perda real de poder adquisitivo ao situarse a taxa de variación interanual do IPC galego en 3,4% xa no mes de setembro. Isto acumulado á suba do IPC do 2010 e 2011 xunto co recorte do primeiro ano e a conxelación do 2011 vai supor unha perda de ao redor do 15% do poder adquisitivo.

  • Reiteración da suspensión unilateral por parte do Goberno autonómico de todos os acordos, convenios e pactos asinados que supoñan incrementos retributivos.

  • Taxa de reposición de efectivos segue a ser do 10%. Isto supón a práctica desaparición da Oferta de Emprego Público, eliminando as posibilidades de promoción profesional dos empregados públicos e colapsando progresivamente o funcionamento da Administración autonómica por falta de persoal.

  • Non se prohibe a convocatoria de prazas de persoal laboral propio dos chiringuitos, limitándose a norma a esixir unha simple autorización de Función Pública e Orzamentos.

  • Continúan as restricións aos chamamentos de persoal funcionario interino e/ou laboral temporal reduciranse en todos os ámbitos da Administración autonómica. Queda exceptuado o persoal laboral e funcionario da Administración xeral de centros de ensino da Consellaría de Educación, Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, centros e residencias de servizos sociais da Consellaría de Traballo e Benestar, centros asistenciais do SERGAS, Xustiza e emerxencias, sempre e cando se considere a necesidade como urxente e inaprazable.

  • Consolídase o recurso ás acumulacións de tarefas e á contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras e servizos polo capítulo de investimentos como xeito de contratar ao persoal en vez de apostar pola creación de postos de traballo de carácter estrutural.

  • Recóllese a modificación introducida nos orzamentos do 2011 polo que o persoal indefinido por sentenza en vez de xerar prazas vai ser recolocado en prazas vacantes xa existentes, co cal se prexudica aos persoal funcionario interino e persoal laboral temporal das listas de substitucións.

  • Non se contemplan responsabilidades penais nin disciplinarias na lei para os responsables de contratacións irregulares que acaben en indefinición, simplemente “poderá” dar lugar a responsabilidades relativas á indemnización á Facenda Pública.

  • Séguese a tratar con criterios escurantistas as retribucións do persoal de alta dirección non sometido á negociación colectiva, especialmente o das entidades da Administración paralela, das cales non se vai dar información á ningún órgano onde estea representada a parte social. Pola prensa chegamos a coñecer como xerentes de hospitais gañan máis de 120.000 euros, igual que o director do IGAPE. As retribucións deste directivos deben estar reguladas nos orzamentos igual que o resto dos altos cargos da Xunta e deben gozar de absoluta transparencia.


En definitiva, uns orzamentos restritivos que apostan pola conxelación nos salarios e pola destrución de emprego (e por tanto de servizos públicos), mentres consolidan privilexios do persoal directivo e dos altos cargos.

Un orzamentos elaborados a partir da renuncia aos ingresos que poderían derivarse do imposto do patrimonio e da consolidación da dilapidación no relativo ao gasto en asesores, recurso a asistencias técnicas, prebendas a altos cargos e persoal de alta dirección dos entes, etc.

Fronte a isto a CIG-Autonómica aposta por unhas retribucións xustas que acompañen a suba do IPC nunha perspectiva de recuperación do poder adquisitivo e pola defensa dos servizos públicos.

  • Borrador do título II (gastos de persoal) do anteproxecto da Lei de Orzamentos: Descargar