Retribucións

Coa nómina deste mes (para as persoas que aínda seguen traballando na Xunta) pagouse un 25% da paga extra de Nadal de 2012 e xa imos polo 75% recuperado (mentres as/os empregados do Estado xa lle devolven con esta nómina a totalidade do 100%). Ademais, deuse a circunstancia de que algún persoal funcionario que foi á Xustiza respecto da eliminación dos complementos específicos das extras de 2013 tamén lle abonaron estes nunha nómina adicional. Porén, outra xente aínda segue agardando pola execución da sentenza pois os xuros de demora non saen dos petos dos irresponsables políticos que causaron a desfeita.

Si, o impacto de recibir unha nómina máis alta do habitual, así sen esperalo, causa alegría, e dúas xa nin contamos, pero non nos esquezamos: 1) de que o diñeiro era noso, que llo prestamos á forza sen xuros e 2) de como chegamos aquí, do que houbo que pelexar, e aínda se está a pelexar con estes temas, e canto tempo pasou desde entón.

Nova labazada xudicial á Xunta polo recurso de casación en interese de lei que interpuxo contra unha sentenza gañada pola CIG.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza na que se confirma que a Xunta recortou ilegalmente unha parte da paga extraordinaria do ano 2013. O alto tribunal galego resolve deste xeito en reposta a un recurso de casación en interese de lei presentado pola Xunta contra unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo, gañada polos servizos xurídicos da CIG.

Esa sentenza inicial do xulgado vigués -coincidente co criterio de todos os xulgados que até este momento teñen ditado sentenzas en recursos promovidos pola CIG por este motivo-, indicaba que era ilegal descontar con carácter retroactivo a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013, toda vez que a Lei de Orzamentos para ese exercicio non se publicou no DOG até o 1 de marzo, obrigando á Xunta a devolver o correspondente a eses dous meses.

No DOG do luns 4 de abril publícase o anuncio do procedemento para a recuperación do importe non pagado da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012

A dita recuperación realizarase en dúas partes:

  • No mes de abril aboarase o 25,14 %, que se corresponde coa parte proporcional correspondente a 46 días da paga extraordinaria, paga adicional do complemento específico ou pagas adicionais do mes de decembro de 2012. Naqueles casos nos que non procedese o recoñecemento da totalidade da paga extraordinaria e adicional, os referidos 46 días reduciranse proporcionalmente ao cómputo de días que correspondesen.
  • No mes de setembro aboarase a parte restante da paga extraordinaria, paga adicional do complemento específico ou pagas adicionais do mes de decembro de 2012 non recuperadas nos pagamentos anteriores.

Os importes correspondentes aos empregados públicos que sigan en activo serán aboados de oficio pola consellería, organismo autónomo ou entidade a través da cal perciba as súas retribucións no mes de abril e setembro de 2016, respectivamente, e os correspondentes aos empregados públicos que non se encontren en activo con anterioridade ao primeiro día dos mencionados meses de abril e setembro de 2016 serán aboadas polo órgano ao cal lle correspondese satisfacer as pagas suprimidas, logo de solicitude expresa presentada para cada un dos dous aboamentos ante ese órgano no modelo publicado no DOG.

Aboamento paga extra 2012

 

Nunha xuntanza que este mércores, día 16 de marzo, mantivo a CIG co conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública, anuncióusenos por enésima vez que este goberno vai reducir o nível de morosidade cos/as empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza devolvéndonos este ano o 50% da paga extra do 2012.

Segundo as súas previsións devolverían o 25 % en abril e o outro 25% en setembro (o que nós interpretamos como un 25% antes das eleccións xerais, de habelas, e outro 25% antes das eleccións galegas).

E tamén nos promete que nos próximos Orzamentos Xerais da Xunta para o 2017 se van reflectir as extras completas (co complemento específico e parte similar para o persoal laboral incluídas nas pagas extras). É doado prometer cando hai moitas probabilidades de non ser eles quen elaboren o próximo proxecto de Orzamentos Xerais e non se recolle en ningún acordo nin hai un compromiso certo.

O Tribunal Supremo notificounos a sentenza que desestima o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza e que converte en firme a sentenza gañada pola CIG e outros sindicatos, que recoñece parte do conflito colectivo que interpuxemos contra a Axencia Galega de Innovación e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, da Xunta de Galiza.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece unha parte da demanda de conflito colectivo. Foi ratificada polo Tribunal Supremo e resolve que non procede aplicar a redución da parte da paga extra devengada entre o día 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

A vía utilizada de conflito colectivo afecta ao persoal laboral da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, agora integrados na Axencia Galega de Innovación e na Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Para persoal funcionario a vía utilizada é outra, e van xa outras catro sentenzas gañadas pola CIG.

Respecto da extra do 2012, foron tantas as sentenzas que, paseniño, fomos gañando, que finalmente a Administración caiu da burra e acabou pagando a débeda a todo o persoal. Agardamos que no 2013, se non o fan polas boas, caian tamén da burra.

No mesmo sentido que outras anteriores, o Tribunal Supremo ratificou a sentenza de abril do 2014 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, dando a razón á demanda da CIG e outros sindicatos recoñececendo o dereito dos traballadores e traballadoras do CIXTEC a percibir a paga extraordinaria do mes de decembro do 2012.

A sentenza rexeita o recurso de casación da Xunta e confirma a do TSXG, que recoñecía a demanda de conflito colectivo interposta polos sindicatos, declarando o dereito do persoal afectado a percibir a paga extraordinaria de decembro de 2012 na parte proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 e o 14 de xullo.

O Tribunal Supremo ven de ratificar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ao desestimar o recurso de casación interposto polo letrado da Xunta en contra de que se aboara a parte devengada da extra de decembro de 2012 ao persoal do Consorcio.

Nun nivel práctico non ten gran significación pois o Consorcio coma a Xunta xa pagou, dentro da súa política de devolución en cómodos prazos do que recortou dun plumazo e sen contemplacións, o 50% da extra 2012. Pero si que nos mostra claramente o talante negociador, ou máis ben a falta do mesmo, da Administración que nos toca padecer como traballadores/as que empeña os seus esforzos en recortar dereitos laborais e gasta os nosos recursos en defender xudicialmente ás súas inxustas decisións, a pesar de que lle chovan as sentenzas quitándolle a razón.

Agardamos que estes tempos de imposición rematen e se abran vías de negociación da problemática laboral do Consorcio; mas dende a CIG seguiremos vixiantes na defensa e consecución dos dereitos laborais do persoal do Consorcio.

Unha nova sentenza recoñece o dereito do persoal funcionario a cobrar as pagas extra de 2013 íntegras. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.

Unha nova sentenza -e xa van catro, gañadas pola asesoría xurídica da CIG- recoñece ao persoal funcionario da Xunta de Galiza o dereito ao cobro íntegro dos complementos específicos nas pagas extra do ano 2013. A última, recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, o 29 de xaneiro, recoñece o dereito a cobrar 1.013,92 € máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal, pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que se mantén na Lei de Orzamentos do 2106, co que aproximadamente se lle está sustraendo a todo o persoal que cobra da Xunta de Galiza uns 200 millóns de euros por ano.

Como todos os anos, temos elaborado un díptico coas retribucións do persoal funcionario e laboral da Xunta para o ano 2016. Neste ano suben as retribucións un mísero 1% pero seguimos co complemento específico do persoal funcionario recortado nas dúas pagas extras e cantidade equivalente para o persoal laboral.

Se tes interese podes consultar a Orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016 (DOG 21/01/2016).

O martes 22 de decembro, os/as delegados/as da CIG concentrámonos diante do Parlamento para rexeitar os Orzamentos da Xunta para o 2016.

Non era sorpresa pois o veñen anunciando dende hai tempo e así constaba no anteproxecto que ían a seguir manténdonos o recorte das extras durante este vindeiro ano.

Sen ningunha outra novidade, excepto nun incremento da taxa de reposición de efectivos que apenas afecta ao persoal funcionario e laboral de administración xeral, e unha raquítica suba do 1% derivada da norma básica estatal, aproban uns Orzamentos Xerais continuistas.

Xa hai máis dun ano que dende a CIG ofrecémoslle ao goberno un plan para renegociar a débeda salarial acumulada nestes anos partindo da recuperación inmediata das extras como punto de partida, oferta que rexeitaron.

E parece que non toman nota, xusto despois de levar un grande batacazo electoral e de afrontar o vindeiro ano unhas eleccións autonómicas onde todo indica que o Partido Popular non vai continuar ao frente da Xunta

Á vista disto, esta política de recortes aos/as empregados/as públicos/as só vai favorecer a súa marcha nun futuro moi próximo e abre a perspectiva dun cambio de goberno e de políticas no relativo á Administración Pública en xeral e á Función Pública en particular.