Retribucións

Tampouco restablecen o soldo base e trienios das extras equiparados as mensualidades

Despois dun lustro de recortes e con eleccións á vista, o PP quere facer un xesto de cara a mercar vontades dos/as empregados/as públicos/as devolvendo no 2015 un 26,23% da paga extra de decembro de 2012, vinte días antes das Eleccións Xerais.

A espera da Mesa Xeral do martes 15 de setembro, o conselleiro confirmounos o luns 14 que só devolverán esa cantidade (do 2012), e que o restablecemento de días de asuntos persoais e adicionais de vacacións quedarán para “unha posterior negociación”. Supoñemos que para a xornada de reflexión saberemos algo.

Limítase a aplicar o mínimo ao que están obrigados

Na xuntanza que tivemos o luns 14 co conselleiro, este confirmounos que a Xunta de Galiza limitarase a trasladar ao persoal que depende da administración pública galega os contidos dos decretos establecidos polo Goberno español, quedando pendente o resto para unha posterior negociación. 

Nin recuperación das pagas extras completas que nos roubaron no 2013, 2014 e 2015, nin recuperación do 100% das retribucións por Incapacidade Temporal dende o primeiro día, nin restitución da xornada laboral modificada a diferentes colectivos. 

A CIG denuncia a enorme perda de poder adquisitivo do persoal das administracións públicas galegas ata o ano 2015, que se eleva a máis do 30% desde o ano 2010 e que, segundo o avance dos orzamentos da Xunta, tampouco se recuperará para o ano 2016. A única previsión que teñen é o pagamento do 50% da paga extraordinaria adebedada do ano 2012 e limitarse a traspoñer o contido dos Orzamentos Xerais do Estado no que se refire a esta materia, que contempla unha suba salarial de tan só o 1% e fixar unha taxa de reposición de efectivos no 100% en servizos esenciais e un 50% para o resto dos servizos.

Como nunha subhasta, ou pior, como nunha feira, póñense entre os cargos do PP a regatear entre eles nunha discusión para estimar o precio do voto dos/as empregados públicos/as de cara as eleccións xerais e autonómicas. Finalmente os feirantes conclúen que un día de asuntos propios e o 25% da extra de 2012 é un precio razoábel para comprar o voto dos/as empregados/as públicos/as.

Hai que lembrar que xa antes das municipais prometeran pagar un 25% e que o restante o devolverían en dúas veces, o 50% no 2016 e o 25% no 2017, cando non gobernen. Agora non saben cando devolverán ese 50% pero si que o 25% que nos prometeron para o ano van facelo antes das eleccións.

No DOG do 13 de maio de 2015 publicouse o procedemento polo que as contías previstas na lei de orzamentos 2015 en concepto de recuperación das pagas extra e adicional de decembro de 2012 se amplían ata o 24,04 % dos importes efectivamente deixados de percibir. As ditas cantidades serán equivalentes á parte proporcional correspondente aos primeiros corenta e catro días das mencionadas pagas do mes de decembro de 2012. En resumo,

O PERSOAL FUNCIONARIO percibirá

- Paga extra: o equivalente a 22 días.
- Paga adicional do compl. específico: o equivalente a 37 días.

Será unha cantidade aproximadamente igual ao dobre do cobrado en xaneiro.

O PERSOAL LABORAL percibirá

- Paga extra: o equivalente a 37 días.
- Paga adicional: o equivalente a 37 días.

Será unha cantidade aproximadamente igual ao cuádruplo do cobrado en xaneiro.

O aboamento será de oficio para o persoal que estea en activo, mentres que o persoal que non estea en situación de servizo activo a 1 de maio terá que facer unha solicitude dirixida ao órgano correspondente.

A CIG obtivo unha nova sentenza favorábel sobre a obriga da Xunta de Galiza de aboar a parte devengada da eliminación das pagas extras do ano 2013. Despois doutra sentenza no mesmo senso que llo recoñeceu ao persoal docente esta nova sentenza recoñece para o persoal da administración xeral a obriga da Xunta de pagar a parte devengada no ano 2013 e que foi , como se demostra, ilegalmente retida pola administración galega.

Esta nova sentenza ven sumarse a outras que gañara tamén a asesoría da CIG sobre a paga extra do ano 2012 que sumadas a outras obtidas no resto do estado obrigaron tanto ao goberno central como á Xunta a rectificar e pagar o diñeiro do que se apoderaran no ano 2012, aínda que no caso galego é a prazos.

Esta sentenza demostra que a Xunta de Galiza actúa co seu persoa cun comportamento absolutamente antidemocrático e nada respectuoso, xa que o goberno galego era plenamente consciente de que a xustiza, que xa recoñecera en varias ocasións o dereito á percepción da paga do ano 2012, ía recoñecer o mesmo dereito para a correspondente ao ano 2013.

A CIG Autonómica presentou en rolda de prensa o Plan de renegociación da débeda salarial contraida pola Xunta co persoal funcionario e laboral do V Convenio.

O plan proposto foi entregado por escrito no rexistro, dirixido ao Presidente da Xunta, e contempla a devolución en tres anos de todas as cantidades detraídas dos salarios nestes últimos anos, que supuxeron unha importante perda de poder adquisitivo para as empregadas e empregados públicos da administración autonómica.

O obxecto deste Plan, segundo explicou o secretario nacional da CIG-Autonómica, Roberto Varela, é a estruturación das obrigas salariais contraídas co persoal funcionario e laboral do V Convenio da Administración da Xunta de Galiza. “Parte do recoñecemento desas obrigas por parte do debedor –Xunta de Galiza- e unha proposta para negociar sobre os prazos para facer efectiva a absorción desa débeda”.

A CIG-Autonómica presentou por rexistro un escrito dirixido ao presidente da Xunta de Galiza explicando o seu contido. O obxecto deste plan é a estruturación das obrigas salariais contraídas co persoal funcionario e laboral do V Convenio da Administración da Xunta de Galiza.

O plan parte do recoñecemento desas obrigas por parte do debedor (Xunta de Galiza), e unha proposta para negociar sobre os prazos para facer efectiva a absorción da débeda. Os acordos acadados deberán ser remitidos ao Parlamento de Galiza como proxecto de Lei de modificación dos Orzamentos Xerais da Administración da Xunta de Galiza. O obxecto serían as cantidades adebedadas derivadas da falta de remuneración do traballo efectivo e que cobraron forma mediante a minoración salarial principalmente a través das sucesivas leis de Orzamentos Xerais, incluída a do 2015.

Caos, mentiras e discriminación

O 23 de decembro o Director Xeral de Función Pública, contra o que di a Lei de Orzamentos do 2015, mantivo que se ía devolver en xaneiro o 12,5% da extra do 2012 a todos/as os/as empregados/as públicos/as da Xunta. Isto era parte do plan de devolución da extra que implicaba a devolución doutro 12,5 % en abril, o 50% no 2016 e o 25% no 2017. Unha maravilla.

Iso eran as declaracións do Director. Pero a nós non nos cadran as contas cando o único sobre este asunto, que está recollido nunha norma, é unha devolución de máis ou menos o 12,5% da extra para funcionarios/as e o 5% para os laborais que se deduce da DA 17 da Lei de Orzamentos.

O Partido Popular, como terapia para situacións de desnutrición salarial, vainos administrar a devolución da extra do 2012 en doses homeopáticas, non vaia ser que empachemos.

Da reunión mantida o mércores 23 de decembro coa Administración, infórmanos das porcentaxes e datas aproximadas (enriquecidas por nós con eventos salientábeis que estimulan a devolución) da extra do 2012.

  • Devolven o 12,5 % da extra do 2012 en xaneiro.
  • Antes das Eleccións Municipais devolven outro 12,5%.
  • No 2016 (hai Eleccións Autonómicas) o 50%.
  • No 2017, o 25% que falta.

No resto de Administracións van cobrar no 2015 as extras enteiras e AQUÍ NON, co cal imos cobrar aínda menos que o que cobrarían no Estado aínda que Montoro non lles devolvera o 25% da extra do 2012.

E cando nos van devolver o recorte das extras dos anos 2013, 2014 e 2015, que no Estado cobraron e seguen a cobrar? Pensan que con esmolas van encherse de votos e que o noso traballo se paga ou non se hai eleccións á vista? Tanta miseria e tanto miserable pasaránlles factura. Ao tempo.

Os/as empregados/as públicos/as galegos/as volvemos a ser outra vez os máis castigados das Administracións Públicas polos recortes salariais e de dereitos. Mentres o persoal doutras Administracións cobraron as extras íntegras, aquí non só as tivemos recortadas, senón que para o 2015 seguiremos a telas igualmente recortadas. Panorama que se vai prolongar ata o 2018 onde Feijoo promete que imos telas completas. Fácil promesa daquel que sabe que vai rematar o seu mandato no 2016.

Estes Orzamentos manteñen os recortes retributivos sen excepción, non contemplan o anunciado fondo de recuperación das extras que prometeu, manteñen en vigor as restriccións de dereitos, tanto no relativo a permisos e licencia como ao gravamen por enfermidade derivado das incapacidades temporais. Apostan pola diminución cuantitativa de persoal, ao seguir mantendo a taxa de reposición, a imposibilidade de recorrer a substitucións e interinaxes, ao que hai que sumar unhas ofertas de emprego ridículas.

A pesar da palabrería enganosa, da falta de transparencia ao non facilitar nin o texto aprobado no Consello da Xunta da nefasta e LEPG, nin de explicar onde se recolle nos Orzamentos Xerais o que supostamente nos van devolver (que non é máis que o que gañamos nos tribunais), o que realmente se desprende das declaracións deste feirante acuciado polas urxencias electorais é o seguinte:

  1. Que o Goberno confirma que no 2015 seguiremos sen cobrar as extras, a diferencia do persoal do resto de Administracións.
  2. Que nos anos 2016 e 2017 tamén nos recortarán unha porcentaxe importante das nosas extras.
  3. Que se negan a devolvernos o detraído nos anos 2013 e 2014.

E como intentan vender isto? Pois dicindo que nos van devolver a extra do 2012, debido a cantidade de sentencia perdidas nos tribunais, pero e as extras do 2013 e do 2014 van devolvelas? NON.

E tamén nos contan que nos van restituír homeopáticamente a integridade das extras ata chegar ao 100% no 2018. Un xeito cínico de dicir, que a diferenza do que aconteza na Administración do Estado e noutras, aquí, imos permanecer coas extras recortadas tres anos máis mentras o resto de empregados/as públicos/as cobra a totalidade.

Un xeito moi bo de presentar a botella medio chea, cando a realidade é un trienio de recortes.