Retribucións

O Goberno de Mariano Rajoy mantén a conxelación salarial para os empregados/as públicos e a taxa de reposición no 0%. Prometen non tocar as pagas extras, aínda que a estas alturas xa sabemos que valor teñen as súas promesas; máis cun rescate para pagar a festa da banca planeando sobre a nosa cabeza.

Na tarde deste mércores tivo lugar a Mesa Xeral de Administracións Públicas para a presentación do capítulo dedicado a persoal dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013. Un ano máis, manifestamos o noso absoluto rexeitamento ao contido duns orzamentos que reinciden na conxelación salarial e no mantemento da taxa de reposición do 0%, afondando deste xeito no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos, mentres se rescata ao sistema financieiro.

Dende o 2009 o IPC galego subíu un 13,3% e houbo rebaixas salariais medias do 5% no 2010 e do 7,1% no 2012, o que supón unha perda de poder adquisitivo dos nosos salarios do 25,4 %. A isto hai que sumarlle a desaparción do FAS, a suba dos impostos indirectos e a detracción de parte do noso salario en caso de enfermidade, o que suporía unha perda media do 30 % do noso salario en 4 anos.

Coas medidas aprobadas polo Partido Popular de Galiza o pasado 28 de febreiro de 2012 (supresión do fondo de acción social, penalizacións das baixas e outras) o goberno galego dixo que aforrarían 80 millóns de euros, chegando a dicir Feijoo que, grazas a esas medidas, non farían falla novos recortes. Temos pois a Feijoo, no mes de abril e maio, con cartos a varrer, “xa tiña feito os deberes”.

Chega o mes de xullo e Rajoy suprime a paga extra de nadal a todos os empregados e empregadas de todas as administracións (moito máis aló do recorte do 5 % de Zapatero), suprime unha das catorce pagas ás que tiñamos dereito coma o resto de traballadores, que supoñen algo máis do 7 % do gasto anual de persoal da Xunta de Galiza: unha paga menos para todo o persoal administrativo, sanitario, docente, de servizos sociais... unha suma de moitos millóns de euros que aparecen “liberados” nas contas da Xunta no mes de xullo, que se cancelou xa nos orzamentos e que, polo tanto, quedou libre para outros gastos.

Como xa viñamos informando, foron varios os concellos que fixeron declaracións públicas da intención de compensar a supresión da paga extra de Nadal imposta polo Goberno de Rajoy. O último, o concello de Vigo, que fala de resolver "esta tremenda inxustiza" pero de novo sen apuntar unha solución técnica coma a que recentemente levou a cabo o Goberno de Navarra.

Dada a repercusión mediática deste tipo de declaracións, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas encargouse de emitir unha nota "técnica" enfriando os ánimos e recordándolle ás entidades locais que a normativa ditada na Lei de Orzamentos estatais e no RDL 20/2012 é de carácter básico. A continuación indícalle que non poden incrementar ningún concepto retributivo e a obriga de inmobilizar este concepto retributivo mediante "acordos de non dispoñibilidade".

Durante o mes de agosto xa tivemos varias novas dalgúns concellos (como Lugo e Ourense) nos que se falaba de compensar a supresión da paga extra de Nadal. Porén, a do Goberno de Navarra é a primeira proposta por escrito dun equipo de goberno próximo ao PP e que se artella a través dun anteproxecto de lei aprobado este mércores 3 de setembro.

Segundo a nota de prensa do propio Goberno de Navarra dase a coñecer o lanzamento dun anteproxecto de lei que propón adiantar as pagas extras dos vindeiros anos ata o 2105 aos días 3 de xaneiro e 3 de xullo. Deste xeito o Goberno de Navarra declara que trata de minorar os efectos da supresión da paga extra estabelecida polo RDL 20/2012, sen incumprilo. Cómpre recordar que o texto da normativa estatal só suspende a súa percepción pero tampouco aclara con exactitude cando e como será a súa recuperación.

E que fai aquí a Xunta de Galiza?

O pasado venres 20 de xullo, o goberno español publicou algunhas previsións económicas entre as que hai unha que merece unha reflexión especial. Trátase do diñeiro que se deberá destinar aos bancos en concepto dos intereses pola débeda pública.
É importante lembrar que cando se fala de novo récord de intereses nas subhastas para acadar dos bancos privados o diñero que o Banco Central Europeo non nos presta, se está a asumir o pagamento dun diñero do Erario para os próximos anos. Pois ben, ese diñeiro nos Orzamentos de 2012 ascende a 28.913 millóns de euros e, segundo a nova información divulgada polo Executivo, no 2013 será de 39.000 millóns dun total de 126.792 millóns que gastará o Estado. Trátase dos intereses por uns préstamos dos bancos privados ao Estado en torno ao 6%, pero recibido polas entidades privadas do Banco Central Europeo aproximadamente ao 1%. A normativa europea impide que o BCE preste directamente aos Estados e obriga a que sexa a través da banca privada, que logra coa operación un beneficio de máis de cinco puntos, segundo o prezo acadado na subhasta, prezo que é maior canto pior valorado sexa o país polas propias axencias creadas polos bancos.

Mediante unha nota remitida aos medios o 20 de xullo, o Consello da Xunta asegura que "os empregados públicos galegos recuperarán a paga extra de 2012 en exercicios futuros e de forma directa na nómina". Fanse eco desta nova xornais como "La Voz de Galicia" ou "Faro de Vigo", nas súas edicións do 21 de xullo. 

En realidade, o punto 2.4 do artigo 2 do proxecto de lei autonómica aprobado onte para a transposición do Real Decreto-Lei 20/2012 no ámbito da Xunta, dispón escuetamente o seguinte:

Artigo 2.2.4. "As cantidades derivadas da supresión da paga extraordinaria e das pagas adicionais do complemento específico ou pagas adicionais equivalentes de acordo co disposto neste artigo serán obxecto de recuperación en exercicios futuros, con suxeición ao establecido na Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira e nos termos e con alcance que se determine nas correspondentes leis de orzamentos."

Así as cousas, é posíbel que as persoas autoras do roubo da nosa paga extraordinaria de decembro non previsen algunhas das consecuencias do seu delito; concretamente, o desfase temporal que esta situación provocará no Tesouro, xa que os ingresos por retencións de todo o persoal ao servizo das AA.PP. diminuirán respecto dos actuais polo menos dous meses antes de que obteñan o botín da nosa paga de decembro.

Como, ao advertir a situación, poden ter a tentación de tapar o burato atrasando ata o mesmo mes de decembro a regularización das nosas retencións, resultaría oportuno e conveniente que, dende xa, todo o persoal afectado se dirixa individualmente por escrito ao máximo responsable en materia de persoal no centro ou departamento no que cada un presta os seus servizos, recordando o que dispoñen ao respecto as normas tributarias reguladoras do sistema de retencións sobre os rendementos do traballo e solicitando o seu puntual e exacto cumprimento.

Achéganos a Administración o proxecto lexislativo de aplicación autonómica do RDL 20/2012 e a modificación da Lei de orzamentos de Galiza no que respecta a eliminación da paga extra de decembro.

Afondando no insulto, deciden convocar a Mesa Xeral de Emprego Público para o xoves, 19 de xullo, ás 18:30, día no que hai que estar na rúa pelexando o que nas institucións está perdido. Xa que teñen a desfachatez de culpabilizarnos da crise e recortarnos por enésima vez para que a banca siga engordando, as traballadoras e traballadores públicos agradeceríamos que as persoas que propugnan, ou son cómplices destas medidas, teñan o valor de afrontar en primeira persoa o cabreo e o rexeitamento que nos producen.

No BOE do sábado 14/07/2012, publícase o Real decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. No Título I desta disposición, baixo a epígrafe de “medidas de reordenación e racionalización das Administracións Públicas”, enuméranse as agresións contra o persoal das Administracións Públicas perpetradas polo Goberno presidido por Mariano Rajoy Brey:

  • Supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 a todo o persoal funcionario e laboral do sector público (art. 2 do RD-L 20/2012).

Segundo informacións aparecidas no xornal económico "Expansión" o 03/05/2012, nesta altura non desmentidas polos responsables do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, o Goberno central estaría a preparar unha reforma normativa para a aplicación da retribución variable e por obxectivos aos empregados públicos das Comunidades Autónomas, Administración xeral do Estado e Entidades Locais. 

A parte variable do salario, segundo se explica na nova, podería supoñer o 15% e o 20% das retribucións do persoal, tendo o Goberno a intención de convocar unha mesa para aprobar esta reforma.