A Presidencia da Xunta achéganos unha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) dous seus órganos superiores (Secretaría Xeral de Emigración, Deportes e Medios), coa indicación de que presentemos alegacións escritas ata o día 27 de xuño. Como por experiencia sabemos do valor que para este goberno ten a nosa opinión e as nosas horas de adicación, sirva esta nota pública como escrito de alegacións.

A modificación da RPT está afectada, a grandes liñas, pola redución orzamentaria e adaptación á estrutura, pero dende a óptica de cortar por abaixo e reforzar por arriba. Así, a proposta crea un novo posto de subdirector xeral (nivel 30) e conseguinte secretario/a (nivel 16), ao tempo que elimina 19 postos, entre os que encontramos 4 subalternos/as, 4 auxiliares administrativos, 3 limpadores/as, ..

É certo que a creación da subdirección ven dada pola estrutura, pero tamén é certo que a estrutura a deciden eles e a poden modificar cando quixer. Tamén é certo que a necesidade de destruir emprego público é consecuencia das restricións orzamentarias, pero estas restricións e a política de austeridade son decisións dos gobernos de Feijoo e Rajoy. En consecuencia, a postura da CIG é rexeitar a creación da subdirección xeral e tamén a destrución de emprego público.

Outros aspectos que queremos modificar son:

  • Non estamos conformes con que todos os postos de xefatura de servizo sexan de libre designación. Demandamos do goberno a volta á situación previa á chegada de Feijoo, e que estes postos pasen a ser de concurso de traslados.

 

  • Rexeitamos que a forma de provisión da xefatura de sección de apoio técnico e habilitación sexa de libre designación.

 

  • Rexeitamos que manteñan numerosos postos, básicamente de libre designación, abertos a outras administracións, mentres non exista un acordo de reciprocidade. Incluímos nesta restrición a apertura a docentes sen reciprocidade.

 

  • Queremos que os postos que teñen xornada partida reciban un complemento específico superior.

 

  • Rexeitamos que para algúns postos prime como mérito ter experiencia en determinados asuntos. Inclusive hai un ao que se puntúa a "experiencia en informática" algo que non sabemos que quere dicir. Estas experiencias deberían ser substituidas por formación, e así que a EGAP deixe de organizar cursos que debería financiar a FAES e se convirta nunha auténtica Escola de Administración Pública.

 

  • Hai varios postos para persoal funcionario de administración especial (as xefaturas de servizo de deporte das catro provincias). Entendemos a súa existencia cando son necesarios, pero non podemos aceptar que non se requira unha especialidade concreta, pois se tanto lles valen uns como outros, entón xa perde razón de ser que sexan de administración especial.

NOTA: Convocannos a unha xuntanza para tratar este tema o mércores, 3 de xullo, ás 12:30h.