Como nas derradeiras modificacións das distintas RPTs, a voráxine amortizadora da Xunta de Galiza non ten límites. Dende a CIG presentamos desta volta unhas alegacións cun formato de denuncia pública no que reseñamos a falta absoluta de vontade negociadora da administración da Xunta de Galiza.

Desta volta e para seguir a tónica habitual deste tipo de negociacións, a Administración desbotou de plano todas as nosas alegacións. Unicamente se dignaron a revisar os méritos e a retirar a experiencia en informática dun posto. Do resto, nada de nada.

As amortizacións, non lles queda outra; as LDs, nin tocalas; as aperturas a outras administracións e a docentes, son indispensables; o requisito de licenciatura en Dereito, é unha petición expresa da secretaría xeral; o complemento que solicitamos para o posto de xornada partida, non hai cartos; a falla dunha titulación académica que xustifique a apertura á escala especial das xefaturas de servizo de deporte das catro provincias, é algo que xa ven de lonxe.....

Pero o mellor de todo quedou para o remate. A modo de brincadeira e visto o "aflixidos" que se atopaban os representantes da consellería e, nomeadamente, o vicesecretario xeral, por ter que amortizar 20 postos de traballo; dende a CIG suxerímoslle que a solución estaba nas súas mans. Tan fácil como modificar a lexislación que eles mesmos aprobaron e coa que están "obrigados" a amortizar 20 postos de traballo.

A nosa proposta non gustou nada e incluso con visible indignación, o vicesecretario xeral chegou a xustificarse dicindo que eles non son máis que uns funcionarios e que non teñen capacidade ningunha para tomar decisións dese calado. En fin, que peniña, pobriños eles.....