Nas condicións establecidas nas Relacións de Postos de Traballo da Xunta de Galiza existe un evidente abuso da titulación en Dereito como mérito ou como requisito para o desempeño dos postos incluídos nesas relacións. A consideración da improcedencia desta esixencia fundaméntase nas seguintes razóns:
 
1 Establécese un requisito ou mérito específico, dentro dos corpos xerais, cando as oposicións para estes corpos constan dun temario oficial, que xa é o medio para todas as persoas aspirantes de acreditar uns coñecementos (incluídos os xurídicos necesarios) e a competencia esixida para os postos en condicións de igualdade, e que xa foron acreditados oficialmente coa superación do correspondente proceso.

2 Incluso se chega a esixir para postos de traballo de carácter puramente administrativo, ou para outros cuxa cualificación necesaria non é xurídica en absoluto, ou que requiren unha especialización doutro tipo que non achega, nin sequera basicamente, esta titulación.

3 Isto limita as posibilidades profesionais de moitas persoas, que non poden acceder a moitos postos dos corpos xerais, mentres que outras si teñen esta opción, aínda cunha preparación inferior, cun efecto claramente discriminatorio que carece de xustificación.

4 Pero ademais tamén ten un efecto negativo para a Administración, xa que impide que poida dispor de xente que desenvolvería con suficiente competencia e solvencia determinados postos debido a un atranco burocrático establecido de xeito absurdo na RPT, o que impide escoller en moitos casos aos/ás mellores.

5 Aínda aceptando que en contados casos isto podería ter algunha remota xustificación, na práctica supón pagar un posto de letrado/a a prezo de corpos xerais, o que non deixa de ser unha fraude.

6 En ocasións é utilizado para diminuír as posibilidades de que a determinadas persoas lle ocupen o posto polos sistemas de provisión establecidos legalmente.

Por isto, consideramos que se debe eliminar o requisito e mérito da titulación en Dereito nas Relacións de Postos de Traballo da Xunta de Galicia, agás naqueles casos en que esta esixencia veña imposta expresamente por unha norma con rango de lei.