A figura do persoal directivo resulta polémica non só polo seu custo senón polo feito da súa escasa regulación (art. 79 da LOFAXGA) que permite poder engordar a Administración de xeito discrecional sen mecanismos obxectivos que garantan o coñecemento da materia e o funcionamento da Administración pública.

A creación deste tipo de postos cuestiona a manida austeridade da que o goberno do PP fai gala continuamente. Mentres máis de 1.200 mozas e mozos investigadores do noso país emigraron nos últimos dous anos, non lle importa a Xunta detraer cartos do exiguo orzamento do I+D+i galego para crear postos de designación política. Ao tempo, con esta proposta tamén pon en dúbida a capacidade das traballadoras e traballadores públicos dispoñibles que semella que non están cualificados para asumir tarefas de responsabilidade e dirección.

Este é o modelo de administración que propugna e defende o goberno da Xunta de Galiza , unha administración corrupta, non ao servizo da cidadanía, senón ao servizo dos intereses dos amigos.

*Custo persoal directivo nivel 2 dun ente do grupo 3: 49.455,82 € /ano (sen antigüidade)+30% custos sociais =64.292,57 € * 3 persoal directivo = 192.877,70 € /ano