Malia que as tarefas desenvolvidas nos postos que a CMATI propón amortizar van continuar sendo desenvolvidas polo resto do persoal de MeteoGalicia, os traballadores entenden que isto forma parte dun “proceso encuberto de desmantelación” do servizo meteorolóxico, pois “mentres en público a Xunta afirma apostar por MeteoGalicia, seguen sen dotala de estrutura axeitada para o seu funcionamento e seguen despedindo persoal”.

O director dimite e o resto do persoal permanece contratado en fraude de lei

Segundo a proposta da CMATI, estes postos de traballo técnicos eliminados en MeteoGalicia vanse substituir por prazas de xefatura de sección que, segundo lles transmitiu Pérez aos traballadores do servizo meteorolóxico nunha reunión celebrada o mércores "moi probablemente queden vacantes, pois polas súas características dificilmente poderán quedar cubertas". No transcurso desa reunión o director de MeteoGalicia e Subdirector Xeral de Meteoroloxía e Investigación, informou aos traballadores das dificultades do seu traballo pola "enorme desconexión entre a Subdirección Xeral e a Secretaría Xeral da que depende", xa que entre outros asuntos el declaroulles ser descoñecedor desta proposta de eliminación de persoal técnico. Así mesmo, fíxolles saber aos traballadores que esta modificación "non é a que precisa MeteoGalicia e é unha barbaridade", tralo que tamén lles transmitiu que el tiña xa presentada a súa dimisión como Subdirector Xeral á espera de executala mentres a Consellería non atope un substituto para o posto.

Resulta ademais curioso que os 3 traballadores aos que Medio Ambiente propón amortizar agora en MeteoGalicia, xa foron despedidos no 2011 e tiveron que ser readmitidos por sendas sentenzas xudiciais que recoñecían a nulidade dos seus despedimentos pola vulneración de dereitos fundamentais. Ademais, estes 3 traballadores son os únicos do servizo meteorolóxico que actualmente tiñan unha situación laboral legal posto que o resto do cadro de persoal, outras 23 persoas entre as que se atopa a muller de Pérez, están contratadas por Tragsatec o que, ademais de supoñer un custo moito máis elevado para a administración, atópanse nunha situación de fraude de lei segundo veñen afirmando de xeito continuado abondosas sentenzas dos xulgados do social e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

101 prazas amortizadas, 10 despedimentos en total

O documento remitido esta semana ás organizacións sindicais ten aínda por diante un proceso de varias semanas no que será negociado cos sindicatos, para o que a CMATI convocou a unha primeira reunión o venres 13 de febreiro ás 12:30h, finalmente anulada ante a negativa das organizacións sindicais a despachar esta destrución de emprego nun par de horas.

Haberá unha nova xuntanza en unha ou dúas semanas, para tratar con tempo abondo, a proposta da consellería polo miudo.