Porén, nas Delegacións Territoriais continúa a haber gabinetes con persoal eventual, xa que o lexislador (PP) "esqueceu" recoller nas disposicións transitorias da LEPG que os gabinetes con persoal eventual dos "superdelegados" desaparecerían coa entrada en vigor da norma. As únicas causas de cesamento do persoal eventual recollidas na nova lei son estas:

Artigo 30 LEPG. Nomeamento e cesamento do persoal eventual
1. O nomeamento do persoal eventual é libre.
2. O cesamento do persoal eventual corresponde aos mesmos órganos competentes para o seu nomeamento e prodúcese pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:
a) Libre decisión da autoridade que efectuou o nomeamento.
b) Cesamento da autoridade que efectuou o nomeamento. Neste caso, o cesamento do persoal eventual prodúcese de forma automática co cesamento da devandita autoridade.
c) Renuncia.

Isto significa que, mentres haxa continuidade das persoas titulares das Delegacións Territoriais da Xunta que desempeñaban o cargo con anterioridade á entrada en vigor da LEPG, non existe outra causa para cesar ao persoal eventual designado por aquelas, agás a renuncia do propio persoal eventual ou a libre decisión do correspondente cargo político: se o PP gañase as eleccións galegas en 2016 e mantivese as mesmas persoas que estaban á fronte das Delegacións Territoriais o día anterior á entrada en vigor da LEPG, poderá manter indefinidamente gabinetes territoriais con persoal eventual. En cambio, se o PP perdese as eleccións de 2016, un Goberno doutra cor política que cesase aos actuais "Superdelegados" do PP, non podería ter persoal eventual nas Delegacións Territoriais da Xunta.

En definitiva, unha medida de aforro excelente: a Xunta do PP vende como "austeridade" unha redución de persoal eventual nas Delegacións Territorial que non se vai aplicar mentres non cesen no cargo os seus "superdelegados", pero que si afectaría a un novo Goberno doutra cor política. Brillante!

"Austeridade"... pero só cando os superdelegados non sexan os do PP!