Para a CIG, que estaría disposta a abordar unha reorganización convintemente motivada sempre e cando se compensasen as amortizacións con outras tantas creacións, esta proposta é inaceptábel. En primeiro lugar non nos fiamos, e se teñen xa a idea do que queren reorganizar, queremos que o poñan por escrito. En segundo lugar, non é serio que, a estas alturas dun concurso de traslados que está en trámite, veñan agora coa retirada de 10 postos de traballo ofertados.

Solicitamos tamén que executen as sentenzas que teñen notificadas, como é o caso dalgún plus recoñecido no laboratorio de Lugo. A este respecto, as representantes de Sanidade encollen os ombreiros e míranse entre si con aceno de despiste.

Demandamos unha solución ao conflito que arrastramos dende fai anos polo nivel dos funcionarios e funcionarias do corpos de farmacéuticos inspectores, para os que demandamos unha homologación de nivel respecto doutros corpos de inspección. As representantes da Administración recoñecen a discriminación, deixan caer que calquer día destes se podería solucionar, mesmo na seguinte proposta de RPT, pero advertindo de que non se lle tome a palabra.

Finalmente Sanidade vai falar con Función Pública e, se retiran do concurso as 10 prazas referidas cunha simple certificación de Sanidade, procederían a adiar a proposta de amortizacións ata setembro, cando farían unha proposta conxunta de amortizacións-creacións. Pero con esto non cambia o inaceptábel dunha proposta de amortización de prazas que están actualmente no concurso de traslados.

Descargar proposta de RPT.