A consellería argumenta que incrementou moito o número de persoas usuarias das bibliotecas e que co persoal que teñen non son quen de atender correctamente os centros. Se esta circunstancia de incremento de carga de traballo a encadramos nunha dinámica de constante destrución de emprego, só queda unha alternativa: empeorar as condicións de traballo dos que quedan para atender máis carga de traballo. Chegamos así á pretensión de Cultura de forzar a todo o persoal das bibliotecas a traballar en xornada de mañá ou tarde, deixando a decisión das quendas ao arbitrio de cada centro. Todos os postos tiñan a observación de que cando quedasen vacantes pasarían a ter xornada de mañá ou tarde. O procedemento seguido por Cultura consiste en retirar a observación de “cando vacante”, forzando xa agora a nova xornada de mañá ou tarde. E por riba, sen compensación económica para o persoal funcionario.

A CIG defende os servizos públicos, e por tanto recoñecemos que poden ser necesarios uns cambios. Pero o que non aceptamos é que sexa a costa de empeorar as condicións de traballo. Cultura ten un camiño doado: ampliar o cadro de persoal, en troques de reducilo como leva anos facendo. Esto podémolo complementar coa negociación dun acordo que ofreza compensacións económicas para quen acepte o cambio. Pero non así, pola imposición de cambios, destrución de emprego e sen compensación, que nos pode levar a un conflito se o persoal decide deixar de prestar colaboración nas tarefas que non son propias da súa categoría profesional ou funcional.

Das tres prazas creadas en Cultura, dúas son para persoal subalterno, cun complemento específico por baixo doutras persoas con similares xornadas de mañá ou tarde. Pero polas súas funcións, pensamos que o máis correcto sería crealas de persoal laboral, grupo V-10E (vixiante de arquivos, bibliotecas e museos). A outra praza que crean é unha xefatura de sección, nivel 25, na Biblioteca de Galicia, cun perfil moi marcado para restrinxir as persoas que poden optar a el. O motivo é que se exixe o requisito de ter feito un curso que tan só impartiu o INAP (a EGAP nunca o fixo).

A seguinte xuntanza será o martes 26. Temos previsto enviar alegacións escritas o venres 22, polo que se queres achegarnos o teu parecer, podes contactar connosco no correo autonomica@cigadmon.gal.