A CIG anuncia que presentará demanda xudicial por despedimento.

Coincidindo coa xuntanza da Comisión de Persoal de Función Pública, CIG, CCOO, UGT e representantes do sector audiovisual galego concentrábanse diante da EGAP, para denunciar a pretensión do goberno do PP de amortizar prazas no CGAI e camiñar así cara o seu desmantelamento. Ao remate da Comisión representantes sindicais confirmaban que non se movera unha coma da proposta de RPT inicial, que implica a desaparición de 3 postos de traballo e o despedimento do traballador que ocupaba o de proxeccionista.

Deste xeito confírmase tamén que tanto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como o deputado do PP César Fernández, trataban unicamente de escorrer o vulto cando afirmaron que eran falsas as denuncias da CIG respecto do desmantelamento encuberto do Centro Galego de Artes da Imaxe (Filmoteca de Galiza) e aseguraban que non habería nin despedimentos, nin recortes.

A CIG asegura que tamén se confirma agora que a retirada da proposta de RPT da Comisión de Persoal anterior (1/6/2016) non era máis que unha medida electoralista, xa que a que se aprobou este mércores, non cambia nin unha coma respecto da presentada inicialmente.

A CIG lamenta que coa supresión destes postos de traballo o PP afonde no desmantelamento do único centro audiovisual da Galiza. Condenarase de forma irreversíbel (50% de despedimentos na área de proxección e 40% menos das prazas cas que contaba o centro) e progresivamente á Filmoteca de Galiza á súa desaparición como tal, recortando os servizos públicos que viña prestando e danando o futuro dos galegos e galegas.

Con todo, “o peor está por vir” xa que, con estas novas amortizacións “quedará sen cubrir un servizo público tan básico como necesario, que ten como fin defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego”.