A CIG valora positivamente a proposta presentada polo conselleiro de Medio Rural para a creación de 549 postos de traballo para todo o ano de bombeiros forestais a través da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Medio Rural que se vai a negociar a semana do 22 de abril, dentro do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. As prazas previstas achéganse á proposta presentada pola CIG perante o Parlamento de Galiza para a duplicación de brigadas de prevención e extinción de incendios.

Dado o aumento da virulencia e extensión dos incendios forestais na Galiza, a súa frecuencia e dado que xa non se limitan a campañas concretas (verán) fai necesario un corpo permanente e profesional de bombeiros forestais na Galiza, 100% público. Segundo a documentación achegada por parte da consellería aos sindicatos da mesa de negociación para esta nova RPT, a consellería de Medio Rural crearía 549 postos de 12 meses que virían a substituír e ampliar as tarefas na prevención e extinción que estaban a ser realizadas pola empresa pública SEAGA. Porén, a CIG convocou unha manifestación día 24 de abril ás 11:00 h, co fin de que o tempo traballado en SEAGA puntúe para as listas da Xunta e que así se recoñeza a profesionalidade deste persoal de reforzo que era contratado ata o de agora pola empresa pública.

Dende a CIG celebramos o reforzo deste servizo público pero tamén insistimos na necesidade de traballar na prevención de incendios a medio prazo co reforzo dos servizos vinculados ao rural que freen o seu despoboamento. Compre unha actividade agraria e gandeira compatible co medio ambiente que reduza a carga de combustible dispoñible para o que recordamos a necesidade de medidas que a incentiven e o reforzo dos servizos de extensión gandeira e agraria que realizan as Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería de Medio Rural que están sendo desmanteladas. Destacamos tamén a necesidade de reforzar os servizos forestais que desenvolvan medidas de cambio de modelo produtivo no monte que eviten a especulación e reduzan a superficie poboada por especies pirofitas.