RPT e estrutura

Cando o martes 30 acudimos á xuntanza convocada polos responsábeis de AMTEGA para discutirmos a súa RPT, atopámonos xa na entrada do edificio ubicado no Gaias cunha anécdota que ben pode representar o que é a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza: inmediatamente despois de identificarnos para acceder ás instalacións, os nosos oidos escoitaron a seguinte pregunta: “de que empresa?”.

A frase interrogativa non ten maior importancia, pero confírmanos o que xa sabemos tanto polo que ven os nosos ollos como polo que lemos na plataforma de contratación da Xunta: AMTEGA está repleta de persoal de empresas privadas e de servizos externalizados.

A proposta da RPT vai polo mesmo carreiro: AMTEGA crea postos de estrutura, por riba, e destrue postos por baixo, unha axencia adicada a planificar o que despois xestionan ou executan empresas privadas. A CIG rexeita as amortizacións de postos propios desta axencia que non para de destruir emprego público. Defendemos a recuperación de cantos proxectos sexan posíbeis co necesario incremento do cadro de persoal.

En plena situación de emerxencia social coa vivenda, con centos de desafiuzamentos ao ano no noso país, o organismo autónomo da Xunta con competencias nesta materia amortiza 36 postos de persoal funcionario, 10 dos cales están ocupados, co que dificulta a atención, xestión e o asesoramento necesarios.

O 25 de setembro houbo unha primeira reunión para tratar a modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Nesta modificación proponse a amortización de ata 36 postos de persoal funcionario fronte aos 11 que se crean, o que supón un recorte no capítulo de persoal de máis de 800.000€. Non cambia para nada a RPT de persoal laboral na que só hai 4 postos creados por execución de sentenza de cesión ilegal.

A primeira reflexión que debemos facer é que esta proposta concreta que nos achega a Xunta, con este brutal recorte, non resulta moi coherente coa continúa mensaxe de recuperación económica e boa marcha da Administración autonómica.

A realidade é outra, a realidade social que nos demostra que son necesarios máis recursos públicos e menos indiferenza política para paliar a dificultade de acceso á vivenda e, por suposto, a sangría dos desafiuzamentos. Fai falta un maior parque público de vivendas e fai falta máis persoal para informar, asesorar e xestionar a pesada burocracia que rodea o dereito á vivenda. Por outra banda, tamén entendemos necesario un cambio político xa que actualmente o IGVS só ten en conta ás persoas que botan da casa por "execución hipotecaria" pero non as que botan da casa por non poder facer fronte ao aluguer.

As persoas representantes do IGVS deron de prazo ate o venres, 3 de outubro, para presentar alegacións por escrito. Porén, xa avisaron de que non habería outra nova reunión previa á Mesa Xeral senón que contestarían as alegacións por escrito. Desde a CIG reivindicamos unha verdadeira negociación colectiva xa que esta non se substancia con reunións de trámite, informativas ou aclaratorias.

Na Mesa Xeral do 29/07/2014 trataronse unhas modificacións das RPTs das consellarías de Sanidade e Traballo.

RPT de Sanidade

Afirma a CIG que non existiu unha negociación real, que foi un paripé, non modificaron nada. Unha perda de tempo.

  • Criticamos en xeral as amortizacións, e facemos especial incidencia nunha delas: a Administración amortiza un posto base para financiar a creación doutro por sentenza xudicial. Non estamos conformes en que para solucionar un problema creado pola administración, eliminen outro posto de traballo; e como sempre, pedimos responsabilidades (como mínimo, ceses) ás persoas que polo seu actuar deu lugar ás sentenzas.
  • Se consideran que a xefatura de servizo de montaxe e equipamentos (Lei 17) debe ser de administración especial, queremos a concreción da especialidade, pois se non o fan quere dicir que tanto lles ten e por tanto xa non é especial. 

O xoves 3 de xullo acudimos á xuntanza convocada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas para discutirmos a súa proposta de modificación da RPT da Consellaría de Sanidade e do Sergas. Fora da orde do día, tivemos ocasión para falarmos tamén do concurso de traslados das escalas sanitarias (Lei 17) e dos Farmaceuticos Inspectores/as. Esta é a postura da CIG a grandes liñas:

  • No laboratorio de Lugo, xustifican a eliminación de dous auxiliares de laboratorio e a creación de dous auxiliares administrativos. Non temos argumentos para discutir a carga de traballo, pero faisenos dificil comprender que se eliminen auxiliares de laboratorio nun laboratorio.
  • Crean un posto de titulado superior psicólogo por sentenza. É un imperativo xudicial, pero non pode ser a costa de amortizar un posto base A1. Opoñémonos á destrución de emprego, e exiximos responsabilidades (polo menos o cese da persoa que polo seu actuar sexa responsábel de que haxa lugar á sentenza).

A Consellería de Sanidade enviounos unha proposta de modificación da súa RPT que vamos discutir o día 1 de xullo de 2014. A proposta non é moi grande, pero xa nunha primeira leitura, non nos gustan moitas das cousas que lemos.

Aceptamos suxestións. Se tes calquer comentario, podes facelo no enderezo autonomica@cigadmon.gal.

Descargar a proposta.

A consellaría de Economía e Industria puxo enriba da mesa unha proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Axencia Galega de Innovación (GAIN) na que propón a creación de 2 novos postos de persoal directivo (Director/a da Área de Servizos e Director/a da Área de Centros) e a conversión dun posto de persoal funcionario noutro posto de directivo adicional (Director/a da Área de Programas).

Con estes dous novos postos de persoal directivo, a Xunta vai detraer do orzamento dedicado ao I+D+I ao redor de 200.000 euros anuais*. Por outra banda, a opacidade do financiamento deste gasto é total e absoluta xa que a consellaría se nega a facilitarnos a memoria económica.

Dende a CIG temos sospeitas fundadas de que a creación destes dous novos postos de persoal directivo é froito da “necesidade” de colocar a parte do ex-persoal directivo próximo ao Partido Popular que provén da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, un dos cales xa traballou no pasado no Gabinete de Industria do goberno Fraga.

Primeiro foron os dous postos de persoal directivo e de libre designación, agora volven a enviar outra proposta onde incorporan máis postos de persoal directivo (de xente allea ás Administracións) e novos postos "xefatura de departamento" (LD) para o persoal con cargos de coordinación que vén da Fundación Fomento e Calidade. A maiores crean un posto de habilitado (concurso específico) e outro de persoal subalterno (este xa por concurso) que cando aínda era Dirección Xeral de I+D+I eliminaron da rpt.

Segundo as xustificacións dos responsables da APLU, a modificación da RPT desta axencia ven imposta polo disposto no artigo 25 da lei de Orzamentos Xerais do ano 2013 e que na práctica supón a amortización de tres (3) postos de subinspector urbanístico e un (1) posto de inspector urbanístico, este último en vez de amortizar dous (2) postos base subgrupo C2 ocupados por interinos e que estaban na proposta inicial de amortización.

Destes 4 postos, todos están vacantes a excepción do posto de inspector urbanístico, que está ocupado por un interino que, según a directora da APLU, xa tiña pensado renunciar ao citado posto para trasladarse a outra comunidade autónoma, co cal a APLU aproveito isto para amortizar esta praza e non a dos dous postos C2.

Tamén, e en virtude do acordo retributivo do 18 de outubro de 2006, se lle modifican os complementos específicos a dous (2) subalternos por tarefas de condución e á Xefatura de Sección Xestión Económica e Habilitación por dispoñibilidade horaria.

A CIG manifestou que estabamos en contra das amortizacións e que a xustificación da aplicación do artigo 25 da lei de Orzamentos non nos vale pois é froito da política de destrución de emprego da Administración galega. Tamén manifestamos o noso rexeitamento ao sistema de provisión de concurso específico para a Xefatura de Sección de Xestión Económica, por ser unha forma de provisión que aínda non está desenvolvida legalmente.

Ao remate da xuntanza e fóra do obxecto principal da reunión, a CIG expuxo que nos parecía insólito que na composición do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo da escala de inspección urbanística non houbese ningunha persoa da escala obxecto deste proceso selectivo. Nese intre foi cando a directora da APLU  chegou a dicir que se por ela fora, non habería inspectores urbanísticos.

A non presenza de ninguén da escala (pois a titulación requirida si a teñen moitos dos membros do tribunal) xustificouna en que había moi poucos inspectores/as, que algúns deles preparaban oposicións, que moitos eran interinos e que outros non querían ser membros do tribunal.

A CIG tamén pediu explicacións pola composición do tribunal. Expuxemos como Función Pública actuou dilixentemente cando dende a CIG fixémoslles notar o inadecuado da pertenza ao tribunal dalgunha persoa. En relación a outra persoa dese mesmo tribunal hai que facer notar, que sobre ningún membro dun tribunal pode planear ningunha sombra de dúbida sobre o seu comportamento, exista ou non condena sobre feitos nos que puido estar implicado. Simplemente non pode haber mácula sobre o seu comportamento, polo que non é adecuada a súa presenza en ningún tribunal de oposicións.

Diante desta cuestión, a directora dixo que do cese da secretaria do tribunal non sabía nada e que do tema do outro membro do tribunal, parecíalle intolerable a nosa denuncia en base ao que dicía a prensa e que se non hai condena xudicial, ve a nosa acusación totalmente fóra de lugar. Nós dixémoslle que non é necesaria unha condena xudicial e que eticamente é reprobable a presenza desa persoa nun tribunal.

Dende a CIG consideramos que este non é un tribunal obxectivo e que con tribunais de oposición deste tipo, isto aseméllase moito ao que acontece na Deputación de Ourense.

A conclusión que quitamos disto é que neste tema non pensan facer absolutamente nada.

A CIG presentou alegacións a documentación achegada pola consellaría de Educación para a modificación da RPT do persoal laboral de centros. Ademáis dunha longa lista de alegacións particulares, con carácter xeral presentou as seguintes alegacións contrarias a actual política de amortización de postos e privatización dos servizos.

1.    Reclasificación dos Auxiliares Coidadores (Grupo IV categoría 4) a Grupo III categoría 99, todos aqueles que desenvolven seu traballo nos colexios e institutos cos alumnos/as de Educación Especial. Achegamos sentenzas favorábeis que sustentan a nosa demanda.

2.    Reclasificación dos/as Coidadores/as dos Centros de Educación Especial a Categoría 50 do Grupo III polo específico de seu traballo nestes centros.

3.    Reclasificación dos Oficiais Segunda de Cociña a Oficial Primeira de Cociña (Grupo IV Categoría 5) a Grupo III categoría 65. Achegamos sentenzas favorábeis que sustentan a nosa demanda.

O xoves, 6 de marzo, tivo lugar unha xuntanza previa á Mesa Xeral sobre a modificación da RPT da Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, AAPP e Xustiza e tamén da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A consellaría xustifica a reforma da súa RPT para para corrixir erros que quedaron da anterior RPT da consellaría de Presidencia e aproveitan o feito para crear unha praza de Secretario/a da Delegación da Xunta en Montevideo (LD, nivel 28), para o cal non hai "contención de gasto". Para conseguir o crédito orzamentario amortizan 3 postos de traballo máis que se suman ao cento de postos de traballo que xa desbrozaron na anterior reforma (DOG 24/01/2014). De feito, foi tal a ansia amortizadora que teñen agora que volver crear un posto de conductor/a que din que amortizaron por erro.