RPT e estrutura

Na proposta de modificación da RPT da Consellaría de Economía e Industria e da Axencia Galega de Innovación chama a atención a pretensión de incluír como mérito a titulación en Dereito para unha Xefatura de Servizo de Administración Industria e un posto base A1 e como requisito indispensábel para 1 Xefatura de Sección de Xestión e 2 Xefaturas de Sección Adminsitrativa sen ningunha xustificación para elo.

Pero aínda é máis chamativo o sistema que queren usar para saltarse a limitación de incremento de gasto e subir o nivel dunha praza de “letrado asesor” do 28 ao 30 mediante a argucia de amortizar a praza de “letrado asesor” e crear outra de “asesor xurídico”, naturalmente na mesma unidade e cos mesmos cometidos.

O 3 de xullo de 2013 a CIG asistiu á xuntanza convocada pola Vicesecretaría Xeral da Presidencia coa finalidade de tratar a modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia. Con esta modificación de RPT, a Administración pretende amortizar 20 postos de traballo pertencentes ás Secretarías Xerais de Presidencia, Deportes, Emigración e Medios.

Segundo os responsables da consellería da Presidencia, a xustificación desta nova destrución de emprego público ven dada polo xa archifamoso artigo 25 da lei de orzamentos 2013 da Xunta de Galiza, así como pola execución da nova estrutura orgánica da Presidencia da Xunta de Galiza. Eso si, o que non falta é a creación dunha nova subdirección xeral en Deportes, xustificada según a administración, nas necesidades desa secretaría xeral.

Cantas veces non temos escoitado o mantra de "sobran funcionarios" e sobre o abultado do capítulo I. Porén, a Xunta nin se corta en contratar asistencias téncnicas, nin en facer encomendas e moito menos en traer xente (vía LD ou comisión de servizos) doutras Adminsitracións.

Na recente modificación global da RPT de Educación, a consellaría abriu o posto de subdirector/a de Equipamento e Obras á Administración Local. Daquela a CIG criticou duramente este tema e denunciou que se trataba dunha modificación "ad personam". Defendemos que na Xunta de Galiza hai persoal profesional dabondo para ocupar postos de nivel. Ademáis, traer xente de fóra implica unha nómina adicional na Xunta e se estamos coa austeridade, debemos estalo tamén para todo. No DOG do 4 de xullo sae publicada a resolución desta libre designación e si, efectivamente, a resolución é para unha persoa funcionaria dun concello.

Achéganos a Consellaría de Educación unha modificación da súa RPT de centros de ensino. Había moito tempo que non veíamos un balance semellante de creacións fronte a amortizacións para postos base: crean nove e eliminan dous.

Do total das nove prazas que crean, so tres son realmente novas, pois as outras seis xa estaban dotadas orzamentariamente e ocupadas, ben por persoal interino, ben por persoal en comisión de servizo, co que o que fan é regularizar unha situación de feito.

A CIG leva moito tempo criticando este actuar de Educación e exixíndolle unha corrección da súa RPT: no anterior concurso de traslados de corpos xerais puideron aparecer cinco destes postos que agora regularizan e que non apareceron porque non existían nos papeis. Tan so fallou que educación non fixo os deberes.

A Presidencia da Xunta achéganos unha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) dous seus órganos superiores (Secretaría Xeral de Emigración, Deportes e Medios), coa indicación de que presentemos alegacións escritas ata o día 27 de xuño. Como por experiencia sabemos do valor que para este goberno ten a nosa opinión e as nosas horas de adicación, sirva esta nota pública como escrito de alegacións.

A modificación da RPT está afectada, a grandes liñas, pola redución orzamentaria e adaptación á estrutura, pero dende a óptica de cortar por abaixo e reforzar por arriba. Así, a proposta crea un novo posto de subdirector xeral (nivel 30) e conseguinte secretario/a (nivel 16), ao tempo que elimina 19 postos, entre os que encontramos 4 subalternos/as, 4 auxiliares administrativos, 3 limpadores/as, ..

É certo que a creación da subdirección ven dada pola estrutura, pero tamén é certo que a estrutura a deciden eles e a poden modificar cando quixer. Tamén é certo que a necesidade de destruir emprego público é consecuencia das restricións orzamentarias, pero estas restricións e a política de austeridade son decisións dos gobernos de Feijoo e Rajoy. En consecuencia, a postura da CIG é rexeitar a creación da subdirección xeral e tamén a destrución de emprego público.

Outros aspectos que queremos modificar son:

  • Non estamos conformes con que todos os postos de xefatura de servizo sexan de libre designación. Demandamos do goberno a volta á situación previa á chegada de Feijoo, e que estes postos pasen a ser de concurso de traslados.

 

  • Rexeitamos que a forma de provisión da xefatura de sección de apoio técnico e habilitación sexa de libre designación.

 

  • Rexeitamos que manteñan numerosos postos, básicamente de libre designación, abertos a outras administracións, mentres non exista un acordo de reciprocidade. Incluímos nesta restrición a apertura a docentes sen reciprocidade.

 

  • Queremos que os postos que teñen xornada partida reciban un complemento específico superior.

 

  • Rexeitamos que para algúns postos prime como mérito ter experiencia en determinados asuntos. Inclusive hai un ao que se puntúa a "experiencia en informática" algo que non sabemos que quere dicir. Estas experiencias deberían ser substituidas por formación, e así que a EGAP deixe de organizar cursos que debería financiar a FAES e se convirta nunha auténtica Escola de Administración Pública.

 

  • Hai varios postos para persoal funcionario de administración especial (as xefaturas de servizo de deporte das catro provincias). Entendemos a súa existencia cando son necesarios, pero non podemos aceptar que non se requira unha especialidade concreta, pois se tanto lles valen uns como outros, entón xa perde razón de ser que sexan de administración especial.

NOTA: Convocannos a unha xuntanza para tratar este tema o mércores, 3 de xullo, ás 12:30h.

Achéganos desde a Secretaría Xeral da Presidencia unha proposta de modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia: Secretaría Xeral de Medios, de Emigración e de Deportes. Dannos de prazo até o 27 de xuño para formular alegacións por escrito, unha vez o cal terá lugar unha xuntanza aínda por determinar.

A modificación da RPT destas tres secretarías xerais vén marcada pola amortización de 15 prazas por "estar vacantes", o traspaso de postos a AMTEGA, AGADIC ou Traballo e a adaptación ao novo Decreto de estrutura. Despois hai abondosos cambios "formais" debido ao cambio na dependencia dos postos, cambio de de denominación ou de código. Por último hai algunha creación de praza por sentenza e eliminación de observacións relacionadas coa titulación.

O premio gordo está na creación en RPT da 2ª subdirección de Deportes. Efectivamente, como nos casos das vicesecretarías de Medio Rural ou Educación, faise porque o Decreto de estrutura así o pon e xa viña estando orzamentada. Porén, os Decretos de estrutura son mudables. O que non pode ser é que a austeridade na amortización de postos se aplique exclusivamente por abaixo: os 15 postos vacantes que se amortizan son todos postos base ou como moito xefaturas de sección.

O xoves 20/06/2013 tivemos unha xuntanza coa consellería do Medio Rural e do Mar a conto dunha nova proposta de amortización de prazas. Nesta xuntanza a CIG deixou patente a tomadura de pelo que supón convocarnos a unha reunión para informarnos dunha nova amortización de postos dos que, unha vez vista a trapallada de información que nos achegou a consellería, non sabemos nin onde están ubicados.

A CIG negouse a continuar falando mentres non houbese un compromiso por parte da consellería de achegarnos a información de xeito claro e formal, no formato usado habitualmente nas RPTs e acompañada das correspondentes memorias funcional e económica. Os responsables da consellería comprometéronse a enviarnos a información correctamente e, posteriormente, a convocarnos a unha nova xuntanza.

Na Mesa Xeral do 28/05/2013, tamén se tratou unha modificación da RPT do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

A EGAP pon enriba da Mesa unha proposta na que o 26% dos postos de persoal funcionario están abertos a outras administracións (estado, comunidades autónomas, local e docentes), alque que a CIG non acepta, por excesivo, por non existir reciprocidade e por riba, por tratarse sempre de postos de libre designación.

Porén, nesta ocasión temos que felicitar, sen que serva de precedente, a Función Pública: non consentiron a apertura á local doutro posto máis, argumentando que as tarefas alegadas pola EGAP son propias de persoal funcionario de corpos xerais e que temos persoal propio capacitado. Esta argumentación é xusto a que a CIG ten repetido insistentemente en todas as xuntanzas, e convidamos a Función Pública a aplicar este criterio máis veces. Estariamos encantados de parabenizalos máis veces, sen que sexa unha excepción.

Achéganos a Administración unha proposta de modificación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Na memoria xustificativa faise un resumo da primeira modificación desde a rpt inicial para posteriormente entrar no obxecto desta segunda modificación: a supresión dos postos vacantes que a Lei de Orzamentos de 2013 deixa sen dotación orzamentaria.

Nese intre celebrábase ao lado o Consello da Xunta

Coincidindo coa celebración do Consello da Xunta e tras da publicación no DOG da nova RPT pola que se despedía a 59 traballadores e traballadoras da administración pública, as organización sindicais con representación na Mesa Xeral de Emprego Público de Galiza convocaban concentracións diante dos principais edificios administrativos para manifestar a súa oposición ás amortizacións, destrución de emprego e consecuente deterioro dos servizos públicos.