A prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo faise segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Esta campaña é aplicable a todos os traballadores da Xunta de Galicia agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, e persoal de entes públicos e fundacións; este persoal dispón de campañas de vixilancia propias.

A inscrición previa realizarase exclusivamente de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais): webriscos.xunta.es Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e persoal que, durante o prazo de solicitude, estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición, así como a asistencia ás probas. A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente e serán tratados de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os informes da vixilancia da saúde serán entregados a cada traballador/a polo Servizo de Prevención alleo (neste caso a mutua Mugatra)